www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 19 de Setembro de 2018

As obras da avenida de Vigo cumpren dous meses entre o malestar dos veciños pola humanización
Sociedade • 26/06/2017
Autor: Ana Prieto

Hoxe cúmprense dous meses do incio das obras de humanización na avenida de Vigo, en Chapela. Os traballos da primeira fase, nun tramo dun quilómetro, van anvanzando, e están a supoñer molestias para os veciños polos ruídos e cortes de tráfico, pero sobre todo pola supresión de prazas de aparcamento.


As obras de reforma eliminarán nesta primeira fase unhas 70 prazas de aparcadoiro. Os residentes "padecen" esta situación, como explica Ángeles, nunha zona onde xa antes "escaseaba" o estacionamento e os edificios "carecen de prazas de garaxe". Os comerciantes sofren a situación por partida dobre. Por unha banda polo problema que lle supón a eles mesmos estacionar e recibir as mercadorías dos seus provedores, e por outra, pola perda de clientes. Advirten que se os compradores non teñen facilidades para estacionar na zona "acabarán mercando nas grandes superficies comerciais", como lamenta Yolanda, que rexenta unha ferraxería na zona. Para evitar os problemas de estacionamento, o Concello anunciou que negocia con Fomento e Adif a cesión de terreos na antiga estación de Renfe para crear unha zona de aparcadoiro, que confían poida ser unha realidade "a curto prazo". Pero os veciños entenden que se planificou "ao revés". Eva sinala que deberían habilitarse zonas de estacionamento alternativo "antes de comezar as obras". E mesmo advirten que o estacionamento nos terreos da estación "non vai resolver o problema dos veciños que viven na zona das Catro Pontes", tal como advirte Ana. Cando comezaron os traballos o alcalde, Javier Bas, sinalou que coa humanización da avenida a zona experimentará "un cambio integral" e será "máis amable para os veciños". Pero moitos residentes entenden que estas obras non son necesarias, e mesmo as cualifican de "capricho". Jose Manuel recoñecen que era preciso renovar a canalización das augas, e tamén mellorar as beirarrúas "pero sen facelas tan anchas". As obras de humanización teñen un prazo de execución de 18 meses, e contan cun orzamento de 2,3 millóns de euros. Ampliaranse as beirarrúas e renovaranse a iluminación e as redes de subministro de auga. A conselleira, Ethel Vázquez, salientou que tamén se mellorará a seguridade viaria tanto no acceso a Pescanova como na baixada a Arealonga.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: