www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Setembro de 2018

Redondela acolle este sábado concertos en 6 prazas da vila
Cultura • 23/06/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Caramuxo Vermello, Raúl & Cía., Soul & Roll, Denova, The Hendersons e RedOnBlack son as propostas musicais que nos deixa o festival "Sonoaire" e que convida aos veciños a sair á rúa e gozar destes concertos gratuítos que se van desenvolver estes sábado dende as cinco da tarde ata preto da medianoite.


O certame "Sonoaire" da Concellería de Cultura terá lugar este sábado a partir das cinco da tarde con actuacións continuadas ata preto da medianoite. Seis concertos, seis espazos e seis grupos musicais que ofrecerán estilos diferentes pensados tamén para públicos diversos, que van dende a proposta máis familiar, como a que nos achega o grupo redondelán Caramuxo Vermello ata outros estilos variados que pasan polo rock, soul, jazz ou pop.


Un dos obxectivos desta iniciativa é dinamizar o casco urbano, facendo que a xente se desprace dun espazo a outro e convertendo eses espazos públicos (Praza José Figueroa, Casto Sampedro, Praza de Ponteareas, Praza de Santiago, praza da Constitución e a da Casa da Torre) en lugares de encontro coa escusa de achegármonos a un concerto musical.


Un programa novidoso no noso concello que busca aproveitar as características idóneas de Redondela para este tipo de propostas que xa funcionan noutros concellos. Así o entende un dos seus promotores David Estévez.


Os espazos elixidos para estes espectáculos serán a Praza José Figueroa, onde arrancará a tarde ás 17:00 horas con Caramuxo Vermellos. Seguiralle a actuación de Raul&Cía. en Casto Sampedro e as sete da tarde na praza de Ponteareas soarán os ourensáns Soul & Roll


O grupo Denova, chegados dende Pontevedra, está prevista para as 20:00 horas na praza de Santiago e o tributo aos Beatles cos vigueses The Hendersons terá lugar ás nove na praza da Constitución.


Por último, a praza da Casa da Torre acollerá o último dos concertos a partir das 22:00 horas. RedOnBlack ofrece un espectáculo pouco habitual, cun estilo "swing" pegadizo e moi rítmico a cargo dunha formación composta por músicos de experiencia habituados a lidiar en circunstancias "jazzísticas", que se xuntan neste proxecto para facer unha proposta persoal sobre a maneira de entender a música, máis orientada ao funk e o disco.


A Concelleira de cultura, Teresa París, salientaba a importantes deste programa que busca dinamizar a vila e aproveitar as súa características para facer que a xentes estea na rúa gozando da música.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: