www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 16 de Decembro de 2017

Condenan as pintadas na estatua da Virxe do Carme na praia de Cesantes
Sucesos • 14/06/2017
Autor: M. X. Queimaliños

"Somos as netas das bruxas que non puidestes matar" e "Relixión=inquisición" son as pintadas que apareceron nas últimas horas na peza escultórica dedicada á Virxe do Carme que dende hai anos se pode ver na praia da Punta. A Comisión de festas do Carme manifestou xa a súa indignación por uns feitos que entenden ofensivos e que supoñen un ataque a "unha sociedade libre, na que cada un pode ter os seus pensamentos, crenzas e conviccións, xa sexan políticas, relixiosas ou de calquera outro tipo". Malia que nun primeiro momento houbo quen relacionou este acto vandálico coa celebración do Festival Millo Verde a Comisión aclara que a pintada foi feita por algún desaprehensivo na madrugada do luns "cando o festival xa rematara".


A Comisión de Festas amosou a súa indignación por este feito e apunta que están xa a traballar co Concello para devolver a esta imaxe o seu aspecto orixinal. Cualifican de "personaxes" aos autores da pintada ao que critican "o pouco respecto que amosan polo alleo para facer algo así" e engaden que se alguén lle molestar mirar "unha virxe ou unha cruz, a mala parroquia viñeches a tomar o sol, porque somos pobo mariñeiro e a nosa Virxe do Carme seguirá aí".


A imaxe foi instalada hai tres anos no espazo que ocupa actualmente. Trátase dun peza escultórica realizada en granito de 2,70 metros de alto e 1,20 de ancho elaborada pola Escola de Canteiros da Deputación.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: