www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

A praia de Cesantes acolle a XI edición do Festival Millo Verde
Cultura • 6/06/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Gran ambiente e boa música é o que nos propoñen os organizadores do Festival alternativo Millo Verde que a partir do xoves e durante tres días se vai desenvolver na praia da Punta en Cesantes. Actividades para todos os públicos con citas deportivas e propostas para os nenos, pero, sobre todo, moita música chegada dende diferentes puntos de Galicia, Portugal, Reino Unido e coa voz feminina da alemá Alice Francis como un dos pratos fortes da fin de semana. Para facilitar o traslado haberá buses lanzadeira dende a praza da Farola.


Seguindo coa filosofía do festival, sobre o escenario poderanse ver grupos de música alternativa de calidade que achegarán á praia de Cesantes músicas diversas que van dende o folk, pasando polo blues e o rock ata o swing. Un programa intenso que arrancará na noite do xoves con concertos a cargo do grupo de música tradicional Tres por Catro, a banda de blues clásico Andhrea & the Black Cats e o rock bravú de Sete Cuncas.


O venres xa a partir das catro haberá actividades variadas co campionato de basket, a jam graffiti e a exhibición de danza africana. Pola noite a música correrá a cargo do grupo santiagués Komódo, gañador do concurso de maketas deste ano, os portugueses chegados dende Oporto Throes & The Shine, a artista alemá Alice Francis e pechará a xornada a música da Fanfarria Taquikardia.


O día grande será o sábado que nos propón unha sesión vermú a partir das 13:00 horas con Sofía Espiñeira e o "Chapeu" de Tatán. Novamente a tarde completarase con actividades variadas entre as que se inclúe o xa tradicional Eskalabirras e propostas para o público familiar cunha xincana e unha actuación da compañía "Teatro ó cubo" co seu espectáculo circense "Ghop".


Pecharán o festival os grupos Sokram chegado dende Ordes, os ingleses Echo Town, a formación Kumpania Algazarra de Sintra e Skandalo Gz.


Propostas todas elas de balde para o público que se achegue á praia de Cesantes aos que se convida a participar da recollida de alimentos solidaria que serán entregados á Fundación Provincial Banco de Alimentos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: