www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 19 de Outubro de 2018

76 nadadores participan na V Batalla de Rande de natación
Deporte • 6/06/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A proba, a máis importante do calendario nacional e unha das máis prestixiosas a nivel internacionais, disputarase o próximo día 17 co tradicional percorrido entre as illas de Cíes e San Simón. É unha competición na que participarán 76 nadadores procedentes de toda España e tamén do estranxeiro que deberán superar os 27 quilómetros pola ría viguesa, un duro percorrido  de máis de sete horas na auga que porá a proba a capacidade de resistencia e tamén técnica dos participantes.


Tal como sucedeu en edicións anteriores, a Batalla de Rande disputarase por varios grupos. Esa característica permite aumentar a seguridade de todos os participantes. O percorrido xa está deseñado e será similar ao doutros anos. Os nadadores serán trasladados ás illas Cíes á primeira hora da mañá do sábado 17 e chegarán á illa de San Simón pola tarde.


A Batalla de Rande conta tamén con elementos icónicos. Un dos seus máis representativos é a súa bandeira, que foi levada por todo o mundo por algúns dos participantes nas edicións precedentes. Aitor de Luís, o responsables da organización, entregoulle o emblema a Javier Bas, alcalde de Redondela, nun acto simbólico que marcou tamén o inicio da conta atrás para a proba. Ambos coincidiron na importancia da mesma e tamén no prestixio que adquirira desde que se iniciou.


Aitor de Luís indicou que "para nós supón un gran esforzo poder organizar a Batalla de Rande. Require moita preparación e é prioritaria a seguridade. Por iso, son vitais os voluntarios". Nese aspecto cóntase con numerosas embarcacións de apoio que seguirán a proba desde o primeiro momento.


O V Batalla de Rande conta con todos os alicientes para ser a máis importante das disputadas ata o momento. Ademais de aumentar a cantidade de nadadores, tamén se prognostica bo tempo para o 17 deste mes. O ano pasado as fortes correntes e tamén o vento provocaron a suspensión parcial da mesma, aínda que todos os participantes chegaron nadando á illa de San Simón nun acto cargado de emotividade.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: