www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 23 de Xullo de 2018

Tania Otero, psicóloga: "O acoso escolar vai en aumento e afecta a nenos cada vez máis novos"
Sociedade • 1/06/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Nenos e nenas de tan só 7 anos están a padecer bullying. Un fenómeno que non é novo pero que nos últimos tempos ten adquirido maior relevancia polo elevado número de casos que se dan a coñecer e tamén polas campañas institucionais que animan a denunciar esta situacións que afectan principalmente a rapaces e rapazas adolescentes, aínda que cada vez son máis os menores desa idade vítimas do acoso escolar. Imprescindible segundo os expertos o papel que pais e educadores deben xogar de cara a acabar con esta lacra na que pouco se ten avanzado dende que no ano 2002 se coñecese o primeiro caso de suicidou motivado polo acoso escolar.


Non é doado detectar un caso de acoso escolar, así o explica a psicóloga Tania Otero, quen fai fincapé en que o último paso é a violencia física que ven precedida normalmente por violencia psicolóxica que vai minando a vítima. Por ese motivo é fundamental que pais e nais así como educadores estean atentos "os principais síntomas do acoso son os cambios bruscos de humor, os trastornos do soño, a negativa a ir ao colexio ou instituto, episodios de silencio ou abstracción". Ante estes cambios hai que falar co neno e intentar afondar en que é o que lle ocorre.


Otero recoñece que hai determinados perfís que favorecen que un menor se converta en vítima (baixa autoestima, persoas introvertidas con poucas habilidades sociais e aos que lles custa dicir non) ou en agresor (nenos que sempre tentan lograr as cousas usando a forza) pero que non hai que obsesionarse neste sentido.


Unha vez detectado o problema aconsella buscar axuda cando a situación sexa dificilmente controlable por parte dos proxenitores e sempre dar apoio "obviamente a vítima que é quen máis o necesita pero tamén ao agresor, que debe saber que condenamos esa conduta pero tamén debemos tenderlle a man para que saiba que desa situación pódese saír".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: