www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 20 de Novembro de 2018

Redondela reciclou 7.550 litros de aceite doméstico o ano pasado
Sociedade • 30/05/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Unha cantidade que supón un incremento importante respecto ao 2015 cando se reciclaran tan só 3.200 litros. A Concellería de Medio Ambiente aplaude o compromiso dos veciños coa protección do medio ambiente que logran así duplicar os litros recollidos.


O edil de Medio Ambiente, Miguel Angel Álvarez sinala que estas accións de reciclaxe "son imprescindibles, xunto coa compostaxe para a conservación da riqueza natural" e lembra que, no caso do aceite usado, é esencial gardalo e levalo ao punto de reciclaxe e non botalo polo sumidoiro porque un so litro de aceite doméstico contamina ate 1.000 litros de auga. Os técnicos indican que cada fogar de 3 persoas consume de media un volume de 18 a 24 litros de aceite cada ano e que na provincia de Pontevedra tíranse polo vertedoiro 5 millóns de litros de aceite doméstico usado.


Dende o Concello entenden prioritario reducir estas cifras e traballan na promoción dun correcto tratamento dos residuos domiciliarios con diferentes iniciativas que buscan incrementar a reciclaxe de aceite, do mesmo xeito que o resto de residuos de materia orgánica e a correcta clasificación dos residuos plásticos, vidro e papel. Unha campaña que forma parte do "Plan de reciclaxe e compostaxe Redondela 2016-2020".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: