www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

Sinaturas para demandar un acceso ao barrio de Parada en Chapela
Sociedade • 30/05/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Veciños deste barrio, afectados pola prohibición de xiro dende a Avenida de Redondela para a entrada de acceso ao Barrio de Parada, recolleron 130 sinaturas coas que avalan a súa demanda por recuperar dito acceso. Reclaman tamén outras melloras como a sinalización do camiño, o seu asfaltado e a limpeza de maleza e a prohibición de aparcar no cruce dos Camiños de Parada e a Pomba.


A Asociación de Veciños da parroquia apoia as demandas dos residentes neste barrio que pasan, entre outras, porque se lles dea un acceso que permita aos residentes nos Camiños da Pomba, Parada, Leitón, Barracrista, Valeiro e o resto de camiños do barrio, efectuar o xiro a esquerda na Avenida de Redondela indo en dirección a Vigo.


Demandan tamén unha mellora na sinalización "actualmente o camiño de Parada carece de letreiros indicativos, tanto no comezo como no final do mesmo, o que dificulta a súa localización".


Solicitan que se prohiba aparcar na confluencia entre a Subida a Parada e o Camiño da Pomba, xa que os coches alí estacionados causan caos na zona, dificultando o xiro e a circulación e afectando á seguridade.


Finalmente solicitan do concello que se adopten medidas de mellora "nunha zona que se atopaba abandonada, co asfalto deteriorado, sen servizo de limpeza, chea de excrementos de cans e cos marxes cheos de herbas e malezas".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: