www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 22 de Xullo de 2018

Os veciños de Redondela demandan máis presenza policial nas rúas para disuadir aos delincuentes
Sociedade • 29/05/2017
Autor: Ana Prieto

Actualmente máis dun terzo do persoal da Policía Local de Redondela atópase de baixa. En concreto faltan 10 axentes, dun total de 28 cos que conta o corpo. Os veciños lamentan a escaseza de axentes, pero tamén o xeito no que desenvolven o seu traballo, que a xuízo de algúns "non é eficaz". Demandan máis axentes patrullando "a pé" e maior presenza policial nas parroquias.


Nas últimas semanas están a ser noticia en Redondela os roubos en garaxes de edificios, en coches estacionados na contorna da Marisma, e mesmo agresións como a que tivo lugar na festa do Choco, cun menor ferido. A Agrupación de Electores de Redondela xa manifestou a súa preocupación ante a falta de efectivos policiais, unha inquedanza que tamén comparten os veciños de Redondela. Manuel e Diego entenden que serían necesarios máis axentes, sobre todo "nas zonas de ocio nocturno para evitar problemas" xa que se dan aglomeracións de público e consumo de alcol. Entenden os veciños que son necesarios máis axentes, e que "cando hai numerosas baixas deberían cubrirse", como apunta Paz. Outros como Quique lamenta non só a escaseza de policías en activo, senón tamén "o xeito no que desenvolven o seu traballo", que ao seu xuizo "non é eficiente". En casos de grandes cocentracións de persoas, como na feira, propón "axentes de paisano". Quique advirte que case non se ven efectivos pola rúa, para disuadir aos delincuentes. E apunta que "o problema é aínda maior nas parroquias". E hai quen cuestiona tamén a profesionalidade dos axentes, e advirten que en lugar de velar pola seguridade da cidadanía, se limitan a "sancionar" aos veciños e condutores cun "afán recadatorio", como explica María José. Ao longo deste ano, o Concello contratará a nove auxiliares de policía por períodos de seis meses, pero desde AER aclaran que estes auxiliares "non poden desempeñar as funcións propias dun policía".

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: