www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 19 de Outubro de 2018

O BNG denuncia incumprimentos na recollida do lixo por parte de Urbaser
Política • 29/05/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Acusa á empresa de aproveitar os días festivos do Luns do Cristo, o Primeiro de Maio e o día das Letras Galegas para non cumprir o contrato que establece a recollida do lixo tres días a semana en determinadas parroquias. As máis afectadas serían diferentes zonas de Saxamonde e Vilar de Infesta e poñen como exemplo a acumulación de lixo no punto ubicado a carón do colexio de Portocabeiro. Instan ao Concello a sancionar a empresa por incumprimento de contrato.


Explican os nacionalistas que durante as xornadas festivas de abril e maio, en varias parroquias redondeláns amontoouse o lixo durante días incumpríndose o contrato de recollida, "unha omisión do servizo que pode levar a sancións económicas á empresa". Concretamente os incumprimentos teríanse producido os festivos do Luns do Cristo, o Primeiro de Maio, e o Día das Letras Galegas. Sinala o edil Xoán Carlos González as zonas de Saxamonde e Vilar de Infesta, como as máis afectadas "a empresa está obrigada a recoller o lixo tres días na semana, mais aproveitando os festivos unicamente o fixeron dous o que supuxo que nalgúns contedores desbordaran os residuos". Trátase, a xuízo do edil nacionalista, dun claro agravio comparativo con outras partes do concello onde si se recolleu. Considera o edil, que esta omisión de servizo debería supoñer a apertura dun expediente sancionador e critica que dende o goberno local non se tivesen adoptado ningún tipo de medida antes estes incumprimentos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: