www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Setembro de 2018

Mougán reprocha á Deputación a súa “falta de respecto institucional”
Política • 26/05/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Critica que a inauguración das pistas de pádel que se celebra esta fin de semana cun torneo deportivo se teña organizado de costas ao concello “soubémolo polas redes sociais e non recibimos unha invitación formal ata o pasado mércores”. De feito, a inauguración prevista para as 10:00 horas deste sábado non contará con representación do goberno local “por diferentes motivos nin o alcalde nin eu podemos asistir”. As críticas non se reducen tan só as formas xa que o edil de deportes asegura que o proxecto inicial “proxectado polo anterior goberno da deputación experimentou importantes cambios que empeoraron as instalacións”.


As pistas de pádel de Redondela inaugúranse esta fin de semana cun torneo que contará cun total de 32 parellas. Un evento deportivo organizado dende a Deputación de Pontevedra e que arrancará ás 10:00 horas da mañá do sábado. Iso sí, farao sen representación do goberno local que anuncian a súa ausencia “non recibimos a invitación ata este mércores e por diferentes motivos non podemos asistir”.


Mougán lamenta que a Deputación non teña contado co Concello para a organización do evento da fin de semana e critica a “falta de respecto institucional” amosado pola Institución provincial “”Redondela distínguese por ter unha intensa actividade deportiva polo que non entendemos que se nos ignore, do mesmo xeito que non entendemos que dos 32 participantes no torneo de pádel só haxa 4 de Redondela”.


Unhas críticas que se estenden á obra en si, xa que entende o edil de deportes que o resultado final non respecta o proxecto inicial que contemplaba un tellado a tres alturas e unhas pistas completamente cubertas. “De feito foi necesario reclamar a colocación de lonas nun lateral para garantir así que non entre a auga nos días de chuvia”.


Dende a Concellería lembran que as pistas estarán operativas a partir do vindeiro 1 de xuño. Todos os interesados deberán pasar polo Departamento de Deportes cunha fotocopia do DNI, para darse de alta e recibir un nome de usuario e un contrasinal, datos que lle servirán para a través da web do Concello de Redondela, facer a súa reserva online con franxas de 90 minutos, de calquera das catro pistas. As pistas terán un período de carácter gratuíto.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: