www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 23 de Setembro de 2018

Os afectados pola AP-9 piden unidade aos partidos e os políticos enléanse nun cruce de reproches
Política • 24/05/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A ausencia do alcalde, Javier Bas, no debate celebrado onte no Multiúsos da Xunqueira foi o primeiro dos reproches que a súa compañeira de partido, Carmen Amoedo tivo que escoitar por parte dos outros poñentes. Sería tan só o inicio dun debate marcado polas acusacións nas que os populares insistiron en que a "desfeita da autoestrada por Chapela é culpa dos gobernos do PSOE que non loitaron por un percorrido alternativo cando a obra se fixo 40 anos atrás". Os representantes de PSOE, BNG, AER e o Grupo de traballo responsabilizaron ao PP de non facer nada para evitar a ampliación nin lograr contraprestacións pola desfeita que Audasa está a facer en Chapela "todo o conseguido foi grazas á mobilización, non polas xestións do goberno local".


Un debate, organizado polo xornal A Nova Peneira, no que estivo presente César Domínguez da Asociación de Afectados pola AP-9 quen repartiu culpas "tanto José Blanco como Ana Pastor prometéronnos que a ampliación non se faría, e os dous mentiron" e demandou aos partidos con representación en Redondela "unidade para afrontar esta fase final das obras, a máis dura, e lograr "que se respecte un mínimo a Chapela".


Dende a asociación de empresarios o seu presidente Enrique Lago pedía propostas aos grupos políticos e demandaba, en concreto, mellorar as comunicacións por esa parroquia que inclúan a recuperación do tren e a elaboración dun plan xeral que amorteza os efectos da AP-9.


Peticións chegadas dende eses colectivos e reproches continuados dende as formacións políticas.


Así Carmen Amoedo xustificaba a situación actual de Chapela "porque no seu inicio nada se fixo para evitar que a autoestrada dividira a parroquia" e defendía a labor do seu goberno nos últimos tempos "sempre ao lado do s veciños, presionando para que se acaden melloras e traballando agora para que se expropien as dúas vivendas afectadas e aínda pendentes".


Contestábanlle dende o PSOE que a obra "foi feita na ditadura pero ampliada polo goberno do PP, quen mentiu reiteradamente cando dixo en campaña que esa obra non se faría.". Eduardo Reguera criticaba tamén o "pouco peso do alcalde" xa que "mentres en Santiago a obra de ampliación estase facendo con pasos soterrados aquí non se fai nin unha ponte en condicións que dea acceso a Trasmañó".


Dende o BNG afirman que o PP é o responsables do deterioro da calidade de vida dos veciños por unha obra executada co PP en Madrid, en Galicia e en Redondela e acusaba aos populares de empregar a estratexia de "marear a xente, o único que se conseguiu como o novo colexio Igrexa foi un logro do movemento veciñal e as súas mobilización". Lembraba tamén Xoán Carlos González o polémico voto en contra do PP no parlamento a unha proposta dos nacionalistas que propuña un plan integral para Chapela


Joshua Rodríguez do Grupo de traballo remarcaba a conexión existente "entre o PP, Audasa e Luis Bárcenas".


Tamén presente no debate a Agrupación de Electores a través da voz de Roberto Villar quen falaba das innumerables repercusións desta ampliación e esixía a gratuidade da peaxe en Rande pero con custe cero para as arcas do estado, xa que é Audasa que debería asumir  esa gratuídade non como no caso do Morrazo onde somos todos os que pagamos a eliminación da peaxe.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: