www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 15 de Novembro de 2018

As pistas de pádel de Redondela acollen un Torneo co gallo da súa inauguración
Deporte • 23/05/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A cita deportiva será os día 27 e 28 de maio. Os interesados en participar no campionato poderán inscribirse de xeito gratuíto, a través do correo diesemm@diesemm.com ata que se completen as prazas. A data límite para anotarse é o vindeiro mércores 24 de maio. Unha cita que se vai celebrar en medio da polémica, xa que mentres o goberno local asegura que as pistas non están recepcionadas por parte do concello por non axustarse algúns detalles ao proxecto, dende a Deputación aseguran que se atopan en "óptimo estado".


En todo caso, o organismo provincial mantén a convocatoria para o vindeiro fin de semana cun torneo onde participarán un total de 32 parellas.  A inscrición, ademais de ser gratuíta, incluirá un seguro de accidentes, hidratación durante o evento deportivo, unha camiseta conmemorativa do torneo e unha sesión de balde no centro de recuperación deportiva Oviñao Pazó.


A primeira xornada do campionato comezará o sábado 27 ás 10 da mañá e prolongarase ata ás 13:00 horas. Ese mesmo día pola tarde disputaranse o resto de partidos en horario de 16:00 horas ata ás 19:00. O domingo 28 disputaranse as finais, a primeira ás 10:00 horas e a segunda ás 11:oo horas. As parellas finalistas serán obsequiadas con trofeos.


O novo recinto, que foi financiado pola Deputación de Pontevedra cun orzamento de 550.00 €, inclúe catro canchas de pádel cun firme de microfibra de última xeración e peches de vidro e conta cunha cuberta que permitirá o seu desfrute durante todo o ano.


As novas instalacións complétanse con dous vestiarios, dos que tamén se beneficiarán os e as usuarias das pistas de tenis que se atopan no mesmo complexo deportivo, así como un espazo de aparcamento para autobuses.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: