www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 19 de Setembro de 2018

Leonardo Cabaleiro "O PP lamentará profundamente a vitoria de Pedro Sánchez"
Política • 22/05/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O secretario xeral do PSOE de Redondela non oculta a súa satisfacción polos resultados que deixaron as eleccións internas do seu partido cunha vitoria contundente de Pedro Sánchez, que foi reelixido novamente secretario xeral dos socialistas oito meses despois da súa dimisión. Entende Cabaleiro que esta decisión supón "a recuperación do PSOE cara a liderar un proxecto gañador de esquerdas".


Contundente vitoria de Pedro Sánchez, que do mesmo xeito que en toda Galicia, tamén se impuxo en Redondela. Dos 105 censados como militantes no PSOE local votaron 87, dos cales 60 deron o seu apoio a Pedro Sánchez, 23 optaron pola papeleta de Susana Díaz e Patxi López obtivo tan só 4 apoios.


Leonardo Cabaleiro analiza estes datos con satisfacción  "sempre amosei o meu apoio a Sánchez pola súa defensa das políticas progresistas" e entende que a decisión das bases socialistas supoñen un cambio de envergadura que afectan directamente ao PSOE pero tamén en último termo ao que é a política en xeral. Augura que "o PP vai lamentar que o líder do PSOE sexa Sánchez".


Fai un chamamento á unidade "as bases falaron e agora toca apoiar o proxecto gañador" e amósase confiado no futuro do socialismo "esta noite comezou a recuperación do PSOE de cara a liderar un proxecto gañador de esquerdas que o leve ao goberno".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: