www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 15 de Novembro de 2018

O Arealonga agarda reunir un cento de equipos no XIV Torneo de Fútbol Sala de Chapela
Deporte • 22/05/2017
Autor: Lorena Otero

Xa está aberta a inscripción para unha das citas máis agardadas do verán no fútbol sala da provincia. O Arealonga F.S. organiza un ano máis o Torneo de Chapela, que nesta ocasión se celebra entre o 21 de xuño e o 2 de xullo. Doce días de competición en todas as categorías, desde os "mini" ata os sénior, con categorías masculinas, femininas e mixtas.


Iván Vázquez, o presidente do club, sinala que levan semanas traballando para que todo saia "á perfección", coa colaboración das empresas e comercios de Chapela que se envorcan con esta cita deportiva. Para Vázquez, de feito, a cita é un evento que pertence "a toda a parroquia". Agardan que máis dun cento de equipos participen nesta edición, na que Vázquez Figueroa destaca tamén a presenza de equipos femininos. Isto supón que uns 800 rapaces das categorías inferiores e uns 350 xogaores sénior pasen polo pavillón de Chapela ao longo do torneo. A inscrición está aberta, e é de balde para as categorías inferiores que poden anotarse ata o 12 de xuño nas modalidades Mini, Prebenxamín, Benxamín, Alevín e Infantil masculino e feminino. Para o resto de categorías o prazo está aberto ata o 16 de xuño. Son as de Cadete masculino e feminino, Xuvenil masculino, Sénior mixto, Sénior feminino e Sénior masculino. O prezo da inscrición vai desde os 50 euros dos cadetes, ata os 100 da sénior masculina.


Descenso do Arealonga F.S.


No club ultiman os preparativos desta cita ao remate dunha temporada na que o equipo sénior certificou non conseguir manter a categoría na Liga Galega Sur. Un descenso "doloroso" para o presidente, logo de perder o último partido de luga nos últimos segundos do partido, pero da que agardan "aprender" para o futuro. No caso de que algún dos equipos chamados a ascender á Liga Galega renuncie á súa praza, o club de Chapela optará a recuperar a categoría.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: