Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Mércores, 15 de Agosto de 2018

Preto dun cento de patinadores participarán en Redondela no Campionato Escolar de Grupos Show
Deporte • 18/05/2017
Autor: Ana Prieto

O pavillón da Marisma acollerá a proba este sábado, día 20, organizada polo club Bolboreta. Máis de 90 rapaces e rapazas de entre 6 e 16 anos estarán na pista, chegados de diferentes clubs de Tui, Vigo, Gondomar, Ourense e Redondela.


O Concello de Redondela acolleu esta mañá a presentación do Campionato Provincial Escolar de Grupos Show "Xogade". O concelleiro de Deportes, Julio Mougán, agradeceu que a Xunta de Galicia confiase a Redondela a celebración deste evento, que atraerá á vila a centos de persoas. Tamén salientou "o bo traballo" do club local Bolboreta, organizador da proba, tanto polos seus éxitos deportivos como pola promoción deste deporte no municipio. O club redondelán conta na actualidade con 140 licencias, entre os federados e os alumnos das escolas deportivas nos colexios de Reboreda e Cesantes, ás que o próximo curso se sumará o CEIP de Cedeira. Moitos deportistas, segundo explica o presidente José Albán, para tratarse dun deporte "caro" e que supón "un esforzo" para as familias. Por iso desde o club tentan aforrar gastos eleborando os seus propios traxes e colaborando coas familias. Guillermo Reinaldo, da Delegación da Xunta para o Deporte, destacaba a "espectacularidade" desta modalidade de Grupos Show dentro da patinaxe. O campionato será no pavillón da Marisma de Redondela o sábado, día 20, con sesión de adestramentos pola mañá. A competición comezará ás 17.00 horas. Os primeiros en saltar á pista serán os grupos de primaria, con patinadores de entre 6 e 12 anos, dos clubs Ribex, Ourela, Bolboreta e Balaídos. A continuación competirán os grupos pequenos de secundaria, para dar paso aos cuartetos. Os últimos en participar serán os grupos grandes de secundaria, formados por deportistas de entre 16 e 16 anos, cos grupos de Balaídos e Bolboreta. O club redondelán participará co espectáculo "The winter is coming", co que se proclamaron gañadoras do torneo internacional disputado en Vigo. Un éxito polo que Albán se sinte "moi agradecido" coas deportistas, xa que se trata de adolescentes moi comprometidas co traballo diario do club e que "sacrifican" o seu tempo de lecer para cumprir cuns esixentes adestramentos.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: