www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 23 de Xullo de 2018

Os títeres falan galego
Cultura • 16/05/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A obra Circus Funestus de Sofie Krog abre a programación de sala do Festival de Títeres, un certame que mañá vivirá na rúa unha das xornadas fortes deste ano con 16 representacións a cargo de 9 compañías que converterán o centro da vila nun enorme teatro ao aire libre con actividades que arrancarán ás doce do mediodía e se prolongarán ata as dez da noite. Unha xornada festiva que inclúe tamén as representacións de Tanxarina e Tato Criaçao Cênica no Multiúsos.


O Festival Internacional de Títeres de Redondela abre este martes a programación de sala con "Circus Funestus". Unha proposta que, por un desgraciado accidente, tivo que ser substituído no programa do ano pasado, e que da man de Sofie Krog Teater de Dinamarca, poderase presentar no Multiusos da Xunqueira ás 21:00h.


A obra trata sobre a función nocturna do misterioso "Circus Funestus", un espectácuo de circo de alta velocidade onde títeres, películas, música e efectos crean un universo traxicómico e máxico, recomendado para maiores de 9 anos.


Unha hora antes, ás 20:00 horas, celebrarase un pequeno acto homenaxe que consistirá na interpretación dun tema musical e unha proxección fotográfica, "un acto íntimo" en palabras de Eduardo Rodríguez Cunha Tatán quen lembraba a incansable colaboración de Marga Cal na realización do festival dende os seus inicios.


Ademais da programación de sala, hoxe arrancará tamén a venda de entradas para todas as funcións do Festival. A billeteira, situada na entrada ao Multiusos, abrirá todos os días da semana dúas horas antes de cada función (agás para as das 17:00h, que abrirá ás 16:00h). Os prezos oscilan entre os 6€ adultos e os 4€ para os menores de 12 anos nas funcións que se realicen na Xunqueira, e de 5€ adultos e 3€ nenos para a representación do domingo no Centro Recreativo Cultural.


E mañá quenda para a programación de rúa, con espectáculos de El Chonchón, Cachirulo Títeres, Salvatore Gatto, A Xanela do Maxín, Cachirulo Títeres e Educateatro. Un mércores que nos deixa tamén dáus propostas de sala, ás 21:00 horas con Tato Criaçao Cènica e, previamente, ás cinco da tarde, con Tanxarina e a súa proposta As Bombas e o Xeneral.


E durante toda a semana podemos tamén achegarnos á exposición "40 anos de La Tartana" un percorrido pola historia desta veterana compañía madrileña a través dos títeres máis  emblemáticos que marcaron a súa traxectoria. Situada na sala de exposicións do Multiusos da Xunqueira, esta instalación de autómatas está pensada para que o público poda interactuar cos bonecos, activando mecanismos eléctricos ou mecánicos que co ritmo da música trasladarán ao espectador a diferentes escenas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: