www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 25 de Maio de 2018

Soutomaior reforma a Ponte Colgante sobre o río Verdugo
Política • 10/05/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O acondicionamento da pasarela contou cun orzamento de case 6.000 euros que foron financiados pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. A pasarela entrou novamente en servizo o primeiro día deste mes para atender as demandas dos afeccionados á pesca deportiva para a apertura da veda de pesca, así como do resto de usuarios desta zona recreativa durante a tempada estival.


O alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, e o delegado territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Ignacio López-Chaves, inspeccionaron esta semana o resultado dos traballos de acondicionamento da coñecida ponte colgante sobre o río Verdugo.


Uns traballos que consistiron na retirada e substitución dos 145 taboleiros, coas súas correspondentes fixacións metálicas, que compoñen a pasarela. A actuación, solicitada polo Concello de Soutomaior á Consellería de Medio Ambiente, contou cun orzamento de case 6.000 euros que foron afrontados na súa totalidade polo ente autonómico.


A ponte colgante sobre o Verdugo atópase na unión do devandito río co Oitavén, e conta cunha elevación de 6 metros sobre o nivel habitual do río. Conta cunha pequena praia fluvial na súa marxe esquerda e diferentes restos de antigos muíños nos arredores. Esta parte do curso do río conta cunha importante afluencia durante todo o ano xa que ademais dos tradicionais bañistas, tamén é frecuentada habitualmente por afeccionados á pesca deportiva, á fotografía e á natureza en xeral.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: