www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 25 de Setembro de 2018

Os actores poñen en valor a curtametraxe no marco do Redondela en curto
Cultura • 28/04/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Arrancou o Redondela en curto coa apertura da sección oficial e un acto inaugural no que estiveron tres actores que brevemente achegaron ao público o que significa traballar nunha curtametraxe e o valor que ten este cine en pequeno formato. Así o salientaba a actriz Lucía Regueiro, ao entender que "A curtametraxe é un xénero en si mesmo". Para Isabel Naveira a palabra que mellor define as curtas é "Laboratorio" e o actor Miguel A. Blanco apuntaba que "As curtas permiten experimentar e facer cousas que na industria non sería posible".


As curtas teñen un valor fundamental para os actores e para o resto do persoal que traballa na súa realización, director, técnicos... é unha escola, un laboratorio que permite experimentar e facer cousas que a industria non permite. Así o explicaba Miguel Blanco no transcurso dunha pequena charla conducida polo seu compañeiro de profesión Miguel Borines e que servía para dar o inicio oficial a un festival de curtametraxes que se vai desenvolver ata o vindeiro domingo no Multiúsos da Xunqueira.


Tanto hoxe como nos vindeiros días os pases arrancarán ás 18:00 horas e continuarán alternándose con outras sección como Cine galego ou curtísimas, un espazo no que se recolle os traballos máis breves dos presentados nesta edicións , algúns deles cunha duración que nin chega aos dous minutos.


Precisamente a actriz Lucía Regueira salientaba a capacidade dos autores á hora de crear e contar unha historia en tan pouco tempo, "algo que converte as curtametraxes nun xénero en si mesmo".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: