www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 20 de Setembro de 2018

A sobreocupación da residencia de maiores de Pazos de Borbén chega ao Parlamento
Política • 21/04/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A deputada nacionalista Montse Prado levou á comisión parlamentaria de Sanidade as irregularidades detectadas na residencia da terceira idade de Pazos de Borbén, durante unha inspección da propia Consellería de Política Social con atestado da Garda Civil incluído, no que se constata a sobreocupación do xeriátrico así coma o feito de que a directora da residencia e presidenta da Asociación de Jóvenes empresarios de Pontevedra, Lucía Pedroso, decidirá agochar a 5 persoas para evitar que esta irregularidade fora descuberta.


O secretario xeral de Política Social admitiu que a acta de inspección recolle unha sobreocupación na residencia Mi Casa que explicaría porque estaban agochadas eses cinco usuarios da residencia nunha dependencia totalmente inadecuada pese a que, segundo valora a inspección, non tiña síntomas de maltrato. En relación a ese exceso de ocupación, a Xunta limitouse a dicir que aplicará a normativa en vigor e o correspondente réxime sancionador.


Prado criticou a resposta de Política Social que "tenta dar unha pátina de normalidade a feitos que consideramos moi graves e que cuestiona a seguridade e os dereitos dos usuarios e usuarias da residencia". "Á consellería parécelle normal que se agochen persoas maiores durante unha inspección só porque cando son atopados no decurso desa inspección non tiñan danos? E que só faltaría que por riba tivesen sido maltratados!", recriminou a deputada do Bloque.


"Estamos diante dunha actuación moi grave que constata o risco, tantas veces denunciado polo BNG, de converter a atención ás persoas maiores nun negocio en vez dun servizo público", alegou a deputada, quen cualificou a actuación de "totalmente condenable" ao que se suma "o clima de terror laboral, con ameazas constantes e incumprimentos nas condicións laborais", segundo denuncia a CIG.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: