Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Agosto de 2018

Cando o lixo se fai arte
Cultura • 17/04/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A Alameda, a praza da Casa da Torre, o palco da música, o Regato, a zona da Petanca... calquera recuncho ou praza de Redondela alberga estes días unha pequena-gran obra de arte elaborada con material de refugallo. É o Artelixo 2017 que nesta edición suma ata medio cento de intervencións artísticas que se poderán ver durante toda a semana tanto ao aire libre como nos escaparates dos establecementos colaboradores.


Algunhas das esculturas que estes días podemos ver nas rúas da vila ben poderían atoparse nalgún museo ou galería de arte. Detrás de cada unha delas, está un artista que lle bota moita imaxinación e que non dubida en darlle unha segunda vida a todos eses materiais que día tras día acaban no caixón do lixo.


Paraugas, ferros oxidados, caixas de cartón, louza de baño, zapatillas vellas... calquera cousa serve para formar parte destas instalacións que permanecerán na rúa ata o vindeiro 22 de abril.  Nesa data a xornada de clausura inclúe un intenso programa que arrancará ás cinco da tarde na Alameda cun obradoiro infantil con xoguetes feitos con material de refugallo e xa a partir das 19:00 horas, terá lugar na pista da xunqueira o "sonalixo", un concerto de micros abertos no que poderá subirse os escenarios calquera artista.


Entre as novidades deste ano atopamos a exposición fotográfica, cuxas obras podemos visitar xa no campo da Petanca e que aínda está aberta a participación de todo aquel que queira colgar as súas imaxes.


O programa inclúe tamén esta mesma semana a proxección de dous documentais, o mércores 19 ás 20:00 horas a cargo da asociación Vaipolorío cun traballo sobre a limpeza no río Gafos e o venres ás 19:30 horas unha charla a cargo da Cooperativa A Nosa enerxía.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: