www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 10 de Decembro de 2018

Arranca o Artelixo con obradoiros na Alameda e na praia de Cesantes
Sociedade • 12/04/2017
Autor: M. X. Queimaliños

As obras de arte elaboradas con material de refugallo estarán expostas nas rúas e prazas de Redondela a partir do vindeiro domingo día 16 ata o 22 de abril. Con todo, a programación arranca xa o sábado cun obradoiro que se desenvolverá na Alameda entre as 17:00 e as 19:00 horas. O domingo a cita será na praia de Cesantes coa proposta Crebeirar.te, outro obradoiro impartido por Carmen Hermo tamén orientado a público familiar e que precisa de inscrición previa no enderezo artelixoredondela@gmail.com.


Este ano o Artelixo adiantou a este mes de abril a súa celebración coa intención de animar á participación de rapaces e rapazas dos colexios e institutos. Unha convocatoria aberta tamén a escultores, pintores, músicos ou público en xeral cuxas obras poderemos ver expostas no casco urbano de Redondela xa a partir do vindeiro domingo.


Durante toda a semana poderemos achegarnos a esas esculturas elaboradas con material de refugallo e participar das actividades incluídas nun programa que ademais dos obradoiros orientados aos máis pequenos que se desenvolverán na Alameda os sábados 15 e 22, inclúen tamén unha actividade na Praia de Cesantes na mañá do domingo.


Un certame que inclúe tamén propostas xa habituais como o "Sonalixo"  con actuacións musicais ou o recital poético "parnalixo". Como novidades desta edición atopamos un certame audiovisual lixento no que poderán participar vídeos en  Mp4 cunha duración máxima de 3 minutos e a Fotolixo, unha exposición que encherá tamén as rúas de Redondela de imaxes nas que reflexionar sobre o lixo, o seu tratamento, a súa reciclaxe ou calquera outra fotografía en torno ao lixo.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: