www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 15 de Outubro de 2018

A oposición volvería reprobar ao alcalde por abandonar a asemblea da área metropolitana
Política • 10/04/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Os grupos da oposición en Redondela- PSOE, BNG e AER- téñeno claro: a suspensión cautelar da área metropolitana decretada polo xuiz en ningún caso avala a decisión do alcalde, Javier Bas de levantarse da sesión constitutiva da área. Unha decisión que lle valeu a reprobación por parte da oposición. Mentres dende o PP sacan peito e aseguran que a decisión do xuiz dá a razón a Bas, a oposición lembra que o auto xudicial alude a unha cuestión formal e, en ningún caso, ao transporte metropolitano que era o argumento esgrimido dende o PP.


No BNG lamentan a suspensión do ente porque "paraliza un organismo que sería beneficioso para todos os veciños de Redondela e reiteran que "a actuación do alcalde na asemblea constituinte foi vergoñenta e por iso presentamos a moción de reprobación que saíu aprobada".  Xoán Carlos González asegura que o "PP recorre ao xulgado para tentar parar un órgano que non teñen controlado" e aventura que a área metropolitana "está morta ata as próximas elección municipais".


No mesmo sentido maniféstase o edil de AER, Ricardo Figueroa "é negativo que se paralice a área metropolitana" e reitera que volverían votar a favor de reprobar ao alcalde por abandonar a asemblea "o PP abandona polo transporte que é o seu cabalo de batalla e o auto do xuíz bota ese argumento polo chan. Os populares querían boicotear a área e agora o único que buscan é sacarlle rendemento político a decisión xudicial".


Pola súa banda dende o PSOE Eduardo Reguera apunta "volveríamos votar a reprobación e agora por un dobre motivo, porque é reprobable que Javier Bas se levante do pleno constituínte e porque están mentido". Explica Reguera que a escusa do PP para ausentarse do pleno "foi sempre que non se estaba a incluír o transporte metropolitano por moito que agora aproveiten habilmente o auto do xuíz".


Unanimidade polo tanto á hora de criticar ao PP pero non tanto á hora de repartir responsabilidades. Mentres BNG e AER teñen claro que o non funcionamento deste ente "é unha responsabilidade compartida entre Feijoo e Caballero" o socialista Eduardo Reguera insiste en que "este organismo non está constituído porque o PP levantouse da asemblea, o resto mantivémonos alí e debatemos de xeito construtivo para poñela en funcionamento, por iso o único responsable de que non funcione son os populares".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: