www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 27 de Maio de 2018

A oposición acusa ao PP de falta de transparencia na ampliación do contrato á empresa de recadación
Política • 4/04/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Todos os grupos da oposición esixen ao goberno local que estude a viabilidade de xestionar directamente o servizo de recadación, servizo que actualmente se realiza a través dun contrato de colaboración cunha empresa privada. Aféanlle ao PP que ampliase a concesión "dous anos máis" sen pasar este debate polo pleno. Os populares defende esta decisión por ser a "máis económica para o concello".


Asegura tamén a edil popular Carmen Amoedo, que "non se pode remunicipalizar un servizo que xa é municipal". Argumenta que o único que fai o concello é un contrato de colaboración cunha empresa "porque ese é o único xeito viable de atender ao cidadán ao carecer o propio concello nin de medios materiais nin humanos para xestionar o servizo directamente". Neste sentido fai referencia a un informe dos técnicos municipais onde se recolle que as únicas opcións posibles para realizar este traballo pasan por delegar o servizo na Deputación ou asumilo facendo un contrato de colaboración, que é a opción máis económica ao custarlle as arcas municipais 300.000 euros anuais "cando xestionalo directamente superaría o medio millón de euros".


O debate chegaba a pleno da man dunha moción da Agrupación de Electores quen insisten en que os servizos públicos deberían ser xestionados directamente. Ricardo Figueroa lembra que a "empresa colaboradora logrou uns beneficios importantes nos últimos anos polo que a xestión directa podería ser viable".


Todos os grupos afeánlle ao PP o xeito de actuar na ampliación do contrato á actual empresa xa que "para evitar o debate no pleno decidiron reducir a duración do contrato a dous anos prorrogable e dous máis, desta forma a competencia pasa a ser exclusivamente do alcalde.


Unha "estratexia de ocultación do PP" ao entender dos nacionalista. O seu edil Xoán Carlos González, acusa ao PP de fuxir da  transparencia e prolongar a privatización do servizo sen pasar polo pleno.


Unha falta de transparencia á que facía referencia tamén o socialista Mauro Álvarez quen reclamaba que unha vez xa se fixo a licitación do contrato de xeito unilateral por parte do Alcalde, se faga un estudo que avalíe de aquí a dous anos a posibilidade de asumir o servizo.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: