www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 22 de Outubro de 2018

Operación Quilo do Banco de Alimentos no supermercado Día
Sociedade • 30/03/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A recollida de comida non perecedoira levarase a cabo os día 31 de marzo e 1 de abril, no supermercado Día na rúa Pai Crespo. Uns 15 voluntarios perfectamente identificados facilitarán as doazóns por parte da cidadanía durante todo o horario comercial do centro. É a segunda vez que Redondela participa dunha recollida do Banco de Alimentos, logo da Gran Recollida Solidaria celebrada a finais de novembro e na que se doaron no noso concello 15.000 quilos de comida


A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo levará acabo este fin de semana en Redondela unha Operación Quilo coa que pretende ir recuperando o stock de produtos básicos demandados polas 25.000 persoas ás que axuda na provincia.


A recollida de comida non perecedoira realizarase este venres, día 31, e o sábado, día 1, no supermercado Día situado no número 52 da rúa Pai Crespo. Uns 15 voluntarios, perfectamente identificados, facilitarán as doazóns por parte da cidadanía que queira achegar o seu granito de area.


Ao mesmo tempo que en Redondela, o Banco de Alimentos desenvolverá Operacións Quilos simultáneas tamén nos centros Carrefour de Vigo, Pontevedra e Poio, así como no hipermercado Alcampo de Coia.


A Fundación Provincial Banco de Alimentos de Vigo repartiu en 2016 máis de 2 millóns de quilos de comida (2.108.608 quilos), o que supón un 25 por cento máis que durante 2015, cando foron preto de 1,7 millóns de quilos os entregados aos colectivos sociais.


A través destas entidades benéficas, a ONG chega a unhas 25.000 persoas con dificultades na provincia de Pontevedra.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: