www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 17 de Novembro de 2018

Concerto de Komódo e Slam na final do Concurso de maquetas Millo Verde
Cultura • 29/03/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O recinto da antiga feira do gando acolle este sábado 1 de abril a partir das 22:00 horas a festa-concerto na que se decidirá o gañador do X Concurso de Maquetas Millo Verde. Dous finalistas chegados dende Santiago de Compostela, Komódo e Slam, que ofrecerán o seu mellor repertorio para facerse cos votos do público. A xornada inclúe tamén a actuación do grupo local "Relámpago", unha Batalla de galos e un campionato de Fútbol tenis.


Por vez primeira os organizadores decidiron trasladar esta festa á noite do sábado "para favorecer a asistencia de público". Tamén con ese obxectivo increméntanse as actividades e, ademais das estritamente musicais organizan este ano un campionato de fútbol tenis.


Con todo, o protagonismo será para os dous grupos finalistas do Concurso de maquetas quen se xogan neste concerto os 300 euros do premio e facerse cun oco no cartel do Festival Alternativo que se celebra no vindeiro mes de xuño. Dous finalistas que foron seleccionados de entre os 25 grupos que se presentaron ao concurso.


Komódo, unha formación que xorde a finais do 2015 en Santiago de Compostela, presenta un estilo que se nutre de múltiples influencias, destacando principalmente o blues rock, pero bebendo doutros estilos como o funk ou o blues máis clásico, buscando crear espazos para a experimentación e improvisación.


Spam nace no ano 2011 en Santiago de Compostela, xurdindo das cinzas doutro grupo, Sadness.  A súa música é difícil de clasificar nun só estilo e polo tanto os seus temas son moi variados e sen ataduras estilísticas, aínda que parece claro que o fío condutor que aglutina todos os seus temas é o rock, un rock guitarreiro e contundente pero variado e heteroxéneo.


Unha noite na que se poderá escoitar tamén a música do grupo redondelán Relámpago ou o rap dos participantes na batalla de Galos.


A entrada ao recinto custa tres euros e da dereitos a unha consumición así como a participar na votación do concurso.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: