www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 21 de Outubro de 2018

Centos de persoas participan na manifestación de Nueva Pescanova
Sociedade • 22/03/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Os traballadores decidirán en asemblea, convocada para o vindeiro sábado, se continúan as protestas que poderían facerse indefinidas a partir do 3 de abril no caso de que a compañía non suavice a súa proposta de convenio. Os sindicatos  reiteran que o principal punto de desencontro coa empresa é a rebaixa dos salarios de entre un 30 e un 40% que afectaría ás novas incorporacións. O traballador detido a primeira hora da mañá nun piquete informativo ás portas da factoría de Chapela era liberado horas despois e está a espera de pasara disposición xudicial.


Varios centos de persoas (400 segundo a policía local) participaron onte na manifestación convocada en Vigo polo cadro de persoal de Nueva Pescanova coincidindo coa segunda xornada de folga para reclamar uns convenios colectivos dignos na empresa de alimentación. Durante a marcha berráronse consignas a prol da posta en liberdade do traballador detido pola Policía a primeira hora da mañá ás portas da factoría de Chapela cando participaba nun piquete informativo.


Mentres a policía alega que o detido golpeara un axente, as centrais negan a agresión -CIG, CUT, UGT e USO- rexeitan esta acusación e sinalan que o que fixo o detido foi axudar a incorporarse a outra traballadora que caera ao chan como consecuencia dos empurróns dos axentes. "O único que pasou foi que esvarou e parece ser que se precipitou contra un policía, tras o que se abalanzaron sobre el; pero en ningún momento houbo violencia nin intención de agredir a ninguén", explican. Unha versión que explicaba tamén o detido, Luis Bar, logo de ser liberado.


Ademais dos berros de apoio a este traballador, durante a manifestación coreáronse consignas como "Pescanova, escoita, estamos en loita", "Este convenio ímolo gañar" ou "Convenios dignos en Pescanova".


Tras a mobilización de onte, dende as centrais anuncian que este vindeiro sábado 25 desenvolverán unha nova asemblea cos empregados/as de Nueva Pescanova para analizar as dúas xornadas de folga e decidir a convocatoria de novas protestas. No caso de que non se produzan avances na negociación dos convenios, o cadro de persoal reitera que a folga pasará a ser indefinida a partir do 3 de abril.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: