www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Decembro de 2018

Marea de solidariedade en apoio á familia de Sesé
Sociedade • 21/03/2017
Autor: M. X. Queimaliños

"Recibimos chamadas de Canarias, de Barcelona... xente anónima que se suma aos apoios que estamos a recibir por parte de veciños, de empresas e do propio concello" explica Xurxo Constela, un dos portavoces do grupo de Apoio á Familia Mateo. Este grupo formado por amigos de María José Mateo "Sesé" iniciou a semana pasada unha campaña para reconstruír a casa desta muller que fora asasinada o pasado mes en Chapela pola súa ex parella cunha explosión de gas na súa vivenda.


Confían en iniciar os traballos de limpeza esta mesma semana "aínda hai moito cascallo que retirar antes de comezar a reconstruír as paredes". Pero é un traballo no que non faltará mans, xa que, ademais dos donativos que está a recoller coa venda de bonos solidarios en diferentes locais de Redondela, Chapela e Vigo, son moitos os que se ofreceron para colaborar como man de obra.


A isto hai que engadir a colaboración do propio concello, dende onde se axilizaron os trámites municipais para iniciar os traballos, e incluso o ofrecemento dalgunha empresa para axudar coa obra.


Un dos obxectivos da campaña é recadar cartos para poder así acometer os traballos "en prol de que a familia poida recuperar a súa vida do mellor xeito posible" pero Constela insiste en que esta iniciativa quere ser tamén "un acitace para as conciencias e un amparo e acollemento para as vítimas".


Os interesados en colaborar poden comprar os bonos por valor de 2 euros en distintos locais de Vigo e Redondela. Na parroquia de Chapela poden adquirilos na cafetería do Centro Recreativo, no estanco Melón, na perruquería Loli Barbará ou nos locais A Valeria e Lambonadas. No casco urbano están tamén a disposición dos interesados na fotocopiadora Copy.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: