www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 16 de Outubro de 2018

Protestas contra a dirección de Plastic Omnium polo despedimento dunha traballadora
Sociedade • 20/03/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A CIG denuncia que se trata dun despido improcedente polo que esixen a reincorporación de Catherine da Silva a quen, segundo explica o sindicato "a empresa aplicoulle durante anos un contrato ilegal en fraude de lei ao encadear contratos temporais na vez de facerlle un contrato fixo". A protesta, que dende hai semanas están a realizar no propio centro de traballo, chegaba hoxe ás portas do concello onde os manifestantes facían soar pitos e bucinas en apoio á traballadora despedida.


Segundo explica a delegada sindical da CIG, Mª José García, a traballadora leva máis de seis anos encadeando contratos temporais e "cando decide reclamar o seu dereito a un emprego nas mesmas condicións que os seus compañeiros, a dirección da empresa opta por pechar toda posibilidade de negociación e impón como única saída o despedimento".


A propia traballadora afectada, Catherine da Silva, explicaba que leva desenvolvendo diferentes traballos en Plastic Omnium dende abril do 2011 e reclama á dirección que asuma o seu erro e retome o diálogo.


Denuncia que a única oferta recibida pasa por buscarlle outro posto de traballo noutra empresa pero "sen garantía algunha de estabilidade". Ante esta situación decidiu denunciar e levar o seu caso ante os xulgados, que deberán resolver no xuízo que está previsto para o vindeiro 4 de abril.


Dende a CIG explican que a empresa xa lles comunicou que no caso de que se resolva a admisión da traballadora, a dirección optará por pagar unha indemnizacións pero non parece disposta a dar marcha atrás e readmitila. Por ese motivo, a única saída que lles queda é a mobilización "que non conta con moitos apoios porque entre os traballadores hai moito medo e represión" asegura Mª José García.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: