www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 24 de Xuño de 2018

O Concello investirá 74.000€ na mellora da accesibilidade e eliminación de barreiras na Punta
Sociedade • 20/03/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O investimento servirá para instalar novas ramplas de madeira que dean entrada ao areal, instalaranse dous aseos adaptados e adquirirase outra cadeira anfibia para o baño de persoas con diversidade funcional. Para financiar estas melloras o concello solicitou unha subvención ante a Axencia de Turismo da Xunta por valor de 74.000 euros para "a construción, reposición ou adecuación dos elementos necesarios para a eliminación de barreiras arquitectónicas e mellora do acceso a este areal de Cesantes".


Esta praia, que goza dende fai uns anos de bandeira azul, xa dispoñía de ramplas de acceso e dous aseos adaptados, que xa se repuxeron, dado que se atopaban algo deteriorados pola climatoloxía.


En distintos puntos do paseo, instalaranse novas ramplas de madeira que dean entrada ao areal. As mesmas levarán unha capa para evitar esvaróns e terán unha "transmisión térmica adecuada para camiñar descalzo polas mesmas", sinala o concelleiro de Medio ambiente, Miguel Ángel Álvarez.


Ademais de mellorar as duchas xa existentes, na actuación incluiranse unha nova con cadeira para persoas con mobilidade reducida, e un novo lava pés. Así mesmo, instalaranse dous aseos adaptados e adquirirase outra cadeira anfibia para o baño de persoas con diversidade funcional.


Todos os elementos que se incluirán ou se renovarán serán de materiais que se integren perfectamente na contorna onde se atopan.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: