www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 25 de Xuño de 2018

Unhas xornadas en Saxamonde analizan diferentes proxectos pedagóxicos de educación activa
Sociedade • 17/03/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Baixo o título "Outra escola é posible" o Centro Cultural Chan das Pipas acolle este sábado 18 a partir das 11:00 h unhas xornadas que queren dar a coñecer un pequeno elenco de centros educativos con liñas pedagóxicas non convencionais. O obxectivo é que pais e nais ou profesionais do ensino coñezan estas experiencias que buscan un ensino máis activo, no que se respecten os tempos das crianzas e nas que existe unha preocupación polo idioma.


A iniciativa parte dun grupo de nais e pais interesados e preocupados polos contidos da oferta educativa para as súas crianzas. No proceso de procura de centro no que escolarizar aos rapaces atópanse cunha realidade que, na maioría dos casos, frustra as súas expectativas. Nace así a idea da organización destas xornadas que buscan dar a coñecer experiencias onde os nenos teñen un papel activo no proceso de aprendizaxe, reunir a nais, pais, profesionais e persoas interesadas que procuren un ensino diferente e mostrar dunha forma práctica que mudar as liñas pedagóxicas no ensino é unha realidade.


As xornadas contará coa presenza de profesionais de catro experiencias educativas, a do centro público CRA Antía Cal de Gondomar, a iniciativa privada Espacio Gándara, tamén de Gondomar e os proxectos de base popular O Bosque de Beni de Moaña e Semente de Vigo.


Aproveitando a carballeira que existe no Chan das Pipas os organizadores animan aos asistentes a levar o xantar e gozar deses espazo unha vez rematen as xornadas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: