www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 18 de Decembro de 2018

Malestar en Negros pola colocación de quitamedos que impiden o acceso a fincas privadas
Sociedade • 17/03/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O remate das obras de acondicionamento do treito da N-555, afectado polas ríadas do marzo de 2016, están a crear preocupación e malestar entre a veciñanza de Negros pola instalación de quitamedos nun treito duns 50 metros que están ocupando en vertical a estrada o que obriga aos veciños a circular polo firme", unha situación que se produce nunha curva o que aumenta o risco dos peóns. Así o denuncian dende o BNG quen reclaman ao goberno que xestione melloras nestes quitamedos.


"O risco de circular por esta parte da estrada que une Redondela co Aeroporto, ademais de pola instalación dos quitamedos, agrávase porque se trata dunha zona con moitas curvas" explica o edil nacionalista Xoán Carlos González quen engade que "xusto neste punto sitúase unha marquesiña onde ten parada o transporte escolar. Camiñar nun sentido ou ben cruzar, constitúe un reto para os veciños e veciñas desta parroquia de Negros".


Ademais de invadir a beira, esta barreira cortou o acceso a seis pequenas propiedades dos veciños da zona, en concreto varias hortas. A única posibilidade para chegar a elas é saltando eses quitamedos.


Insta Xoán Carlos González a que o goberno de Javier Bas, presione a empresa para mellorar esta obra sobre todo porque existen veciños que estarían dispostos a ceder parte dos terreos para instalar os quitamedos, sempre que se lles permita o acceso ás propiedades en boas condicións e se asegure o tránsito de peóns.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: