www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 21 de Maio de 2018

Os máis pequenos serán os protagonistas do Torneo de Semana Santa do C.D.Choco
Deporte • 14/03/2017
Autor: Ana Prieto

A cita está aberta a todos os clubs que queiran participar nas categorías prebenxamín, benxamín e alevín. Os partidos disputaranse en Santa Mariña os días 14 e 15 de abril. No club redondelán preparan tamén un Torneo Internacional de categorías inferiores en colaboración co Chapela C.F. e o Concello que se disputará a finais de xuño.


O Choco organizará a vindeira Semana Santa un torneo de fútbol base para os máis cativos. Un evento popular e aberto a todos os equipos que desexen participar ata completar o límite máximo de 16 equipos por categoría. A inscrición, de balde, será por orde de solicitude e os equipos interesados deben enviar un correo electrónico ao enderezo c.d.choco@hotmail.com. O presidente do club, Iván Crespo, sinala que este tipo de torneos son "unha gran experiencia" para os rapaces, xa que lles ofrece a oportunidade de coñecer outros equipos. O venres 14 será o día dos prebenxamíns e benxamíns e o sábado 15 o turno será para os alevíns. A idea do Choco é confeccionar un calendario o máis amplo posible para que os rapaces dos distintos equipos poidan vivir unha xornada de moito fútbol en Redondela. As instalacións de Santa Mariña estarán a disposición dos equipos e, ademais, todas aquelas persoas que o desexen poderán xantar ao lado do campo nunha zona habilitada ou "facer turismo" por Redondela.


Torneo Internacional


Desde o club preparan tamén unha ambiciosa cita para finais do mes de xuño, entre os días 26 e 30. Trátase un Torneo Internacional de fútbol base que organizan en colaboración co Chapela C.F. e o Concello de Redondela. Será nas categorías benxamín e alevín na modalidade de fútbol 8 e para as de infantil e cadete en fútbol 11. Os partidos xogarantes tanto nas instalacións de Redondela como nas de Chapela. Crespo sinala que traballan na participación de equipos de diferentes puntos de Europa, e mesmo dos EEUU. Esta primeira edición, que nace co obxectivo de consolidarse no futuro, prevé contar con 40 equipos, dez por cada categoría. O presidente do Choco explica que será unha importante cita deportiva, que servirá tamén para promocionar Redondela e os seus atractivos turísticos.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: