www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 16 de Outubro de 2018

Realkiddys, un blog contra os estereotipos
Cultura • 8/03/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A mestra redondelá Alba Alonso é a responsable deste proxecto que busca educar na igualdade e loitar contra os estereotipos de xénero. Os xoguetes diferenciados por sexo, as cores que seguen identificando o azul cos nenos e o rosa coas nenas, os disfraces hipersexualizados e orientados a un ou outro sexo impedindo que os pequenos sexan o que queiran ser, son tan só algúns dos exemplos que indican que aínda queda moito por facer ou que incluso se están dando pasos cara atrás na igualdade. No día da Muller lembramos que o camiño para alcanzala pasa por modificar eses comportamentos que están pechando portas tanto aos nenos como ás nenas.


Concienciar, chamar a atención, animar a reflexión... son os obxectivos deste blog que centra as súas entradas neses estereotipos que nos son transmitidos a través da publicidade, os xoguetes, a literatura infantil, a roupa, os debuxos animados, as películas, as series televisivas... Estereotipos que afondan na diferenza, na desigualdade entre nenos e nenas transmitindo mensaxes que dirixen aos pequenos xa dende que nacen. "As nenas non toman o camiño da ciencia porque lles transmitimos que non son suficientemente boas porque os xoguetes científicos llos regalamos aos nenos".


Alba Alonso advirte que "os cambios non só van lentos, senón que nalgúns casos incluso van cara a atrás".  Explica que a día de hoxe hai máis tendencia ca nunca "á rosificación", é dicir, a establecer o rosa como a cor das nenas e o azul para os nenos.


O problema ao seu entender radica en que "nos deixamos levar" motivo polo que é necesario máis ca nunca as ferramentas e as iniciativas como este propio blog que animan á reflexión.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: