www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 21 de Outubro de 2019

O deficiente funcionamento da depuradora de Soutomaior chega ao Parlamento
Institucional • 28/04/2010
Autor: M. X. Queimaliños

O BNG demanda da Xunta de Galicia medidas concretas para solucionar os vertidos contaminantes procedentes da EDAR que de xeito continuado veñen denunciando dende a Asociación de Naseiros "Alvedosa" de Arcade


As reiteradas verteduras da EDAR prexudican a pesca e o marisqueo motivo polo que os deputados do BNG Bieito Lobeira e Teresa Táboas veñen de solicitar no parlamento galego información sobre os problemas que presenta esta instalación e as medidas concretas que dende a Xunta se prevé poñer en marcha de cara a solucionar o deficiente funcionamento da depuradora e evitar que as verteduras contaminantes se produzan no futuro.


O BNG sinala como responsábeis do problema tanto o Concello de Soutomaior como a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e lembran que colectivos profesionais como a Asociación de Naseiros "Alvedosa" teñen denunciado en repetidas ocasións este tipo de episodios contaminantes. Apuntan os parlamentarios nacionalistas que "os traballadores e traballadoras do mar, mariñeiros, mariscadoras a pé e mariscadores a flote non poden ser vítimas da inacción das administracións da que obviamente non son responsábeis"


Os concelleiros nacionalistas en Soutomaior tamén levarán ao Pleno municipal unha moción nesta liña denunciando o deficiente funcionamento da EDAR de Arcade e instando ao Concello a tomar as medidas oportunas para pórlles fin ás verteduras.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: