Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 16 de Agosto de 2018

O Choco empata no Carrís nun partido sen goles
Deporte • 27/02/2017
Autor: Ana Prieto

Poucas ocasións para os dous equipos no encontro disputado no campo do Barbadás. O mal estado do terreo de xogo un dos foi protagonistas nun partido no que faltou definición. O empate serve ao Choco para sumar catro partidos sen perder e afastarse dos postos de perigo.


Terceira División



Barbadás 0-0 Choco


Faltou definición. O Choco e o Barbadás empatan sen goles nun partido con ritmo e de poucas ocasións para ambos os conxuntos, malia que as que houbo foron claras. O lado positivo é que o Choco suma a cuarta xornada sen perde, e continúa a súa escalada na táboa clasificatoria . O enfrontamento estivo marcado polas malas condicións do terreo de xogo ourensán, que dificulta o xogo combinativo e, por este motivo, Marcos Montes apostou por un equipo titular máis alto do habitual e por un xogo máis directo. No entanto, levou o peso do enfrontamento nos primeiros minutos ata que Óscar Pérez viu como era anulado un gol en posición dubidosa. O Barbadás tivo a súa opción a falta de catro minutos para o descanso, cando Nespereira enviou un balón ao pau tras centro de Alfredo. Na segunda metade, Óscar Pérez volveu dispor dunha ocasión clara nun man a man que resolveu ante Borja González, pero o disparo marchouse pegado ao pau local. O Barbadás dispuxo dun man a man de Sevivas que tapou Cortegoso co corpo e xa no desconto, Silva enviou unha falta directa preto da escuadra local. Foi o peche do partido, que permite ao Choco sumar un punto. Na próxima xornada terán un encontro difícil, reciben en Santa Mariña ao líder, o Deportivo B.


Barbadás: Borja González, Iago Fernández, Martín, Iago Rodríguez, Novoa, Luís González, Nespereira (Sevivas, min. 70), Germán Pérez,Eric (Bruno, min. 73), Veiga, Dous Reis.


Choco: Cortegoso, Javi González, Molinos, Lucas, Gándara, Alberto Suárez, Marcos Pérez (Rober, min. 62), Gabi Misa, Comis (Oki, min. 81), Félix, Óscar Pérez (Diego Silva, min. 74).


Segunda Autonómica



Choco B 1-1 Sampaio


O Sampaio deu a sorpresa en Santa Mariña ao conseguir un sufrido empate ante o filial do Choco, que pelexou pola vitoria. Adiantouse o Sampaio cun gol de Carlos aos 15 minutos, e Ricardo empatou para os redondeláns na segunda parte. O empate permítelle ao Choco B manter a terceira praza, na próxima xornada xogan no campo do U. Ribeira, pechacancelas do grupo


Arcade, descansou. Próxima cita reciben ao Vilagarcía, pechacancelas do grupo.


Terceira Autonómica



Peña Beretes 2-2 Peñasco


O Peña Beretes segue sumando, neste caso un empate. O domingo xogarán no campo do Lavadores, terceiro do grupo


Atl. Vilar, descansou. Na próxima xornada xoga no campo do Peñasco.


Chapela 0-4 Casabranca


O Casabranca, nas últimas posicións da táboa, deu a sorpresa en Chapela, cando redondeláns partían como claros favoritos desde o liderado do grupo. Dous goles de Rafa nos primeiros dez minutos puxéronlle as cousas de cara aos visitantes. Álex Lafuente e Raúl Berbel completaron a goleada. Os redondeláns perderon o liderado, e na próxima xornada visitan o campo do Nespereira, do ecuador da táboa.


Cesantes descansou, na próxima xornada os redondeláns defenden a terceira praza do grupo ante o Cuntis.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: