Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 17 de Agosto de 2018

Silencio en lembranza de Sesé
Sucesos • 24/02/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Unhas mil persoas percorreron hoxe nun respectuoso silencio a parroquia de Chapela en repulsa polo asasinato de Mª José Mateo "Sesé" a mans da súa ex parella na explosión do pasado luns no barrio de Pousadoura. Un acto convocado polo concello de Redondela e que se suma aos dous días de loito decretados pola institución local que queren ser unha condena rotunda e sen fisuras contra a violencia que se exerce contra as mulleres, así como render homenaxe a esta veciña de Chapela.


Representantes de todas as forzas políticas con presenza na corporación municipal acompañados da secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella, o delegado da Xunta en Vigo Ignacio López-Chaves e a deputada provincial Digna Rivas, eran os encargados de abrir a marcha detrás da pancarta "O concello de Redondela rexeita a violencia contra a muller".


Unha manifestación que congregou a unhas mil persoas, veciños e amigos de Mº José así como persoas sensibilizadas na loita contra a violencia que as mulleres sofren polo mero feito de seren mulleres.


A marcha, que saía pasadas as sete de tarde dende as Catro Pontes remataba media hora despois na Alameda da parroquia, lugar no que se rompía o silencio coa lectura do manifesto aprobado pola corporación municipal e que supón unha "condena rotunda e sen fisuras contra a violencia que se exerce contra as mulleres".


Un acto enmarcado dentro dos dous días de loito decretados polo Concello en lembranza de Sesé e en solidariedade "cos familiares afectados por este terrible acto e especialmente cos dous fillos e a filla de Mª Jose´".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: