Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 18 de Agosto de 2018

O dragado do porto e o dique flotante centrarán a segunda fase de mellora do porto de Cesantes
Sociedade • 15/02/2017
Autor: Lorena Otero

A empresa Aquática presentou as conclusións do estudo realizado sobre a perda de area da praia de Cesantes, a necesidade de incrementar a zona de abrigo e o calado do peirao. Os técnicos conclúen que o dragado da zona sería a única solución viable para o problema de calado, ademais de apostar por unha recuperación artificial do areal coa construción dun apoio lateral e a substitución do dique actual por un boiante.


O presidente de Portos de Galicia, Juan José Durán Hermida, xunto ao alcalde de Redondela, Javier Bas, e técnicos da empresa Aquática Ingeniería Civil, mantiveron este martes unha xuntanza co Patrón Maior da Confraría de Redondela, representantes políticos, asociacións veciñais e colectivos como a Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón para consensuar unha folla de ruta sobre as actividades prioritarias a desenvolver na segunda fase do proxecto integral da mellora das instalacións portuarias de Cesantes, infraestrutura que supuxo até o momento a remodelación da lonxa e da súas instalacións.


Logo dos estudos de correntes e ondas realizadas pola empresa viguesa, un dos seus técnicos, Fernando López Mera, destacaba as particularidades da Enseada de San Simón, unha zona abrigada con pouca dinámica de vento e ondas o que provoca que os residuos entren na Enseada e non saian, cun proceso de sedimentación lenta, ao que hai que engadir a falta de correntes fortes que axuden a mover eses sedimentos, o que provoca o problema de calado.


Mera aseguraba que a praia de Cesantes non perdeu area e que segue a ser igual que hai trinta anos. Ao seu xuízo a única solución para esta praia sería a súa recuperación artificial coa creación dun apoio lateral que impedise o escape de area, xa que o seu recheo tería un elevado custe e sería pouco eficaz dada a lonxitude do areal.


En canto ao problema do calado do porto de Cesante, que puña de manifesto o Patrón Maior da Confraría, Clemente Bastos, lembrando que os barcos non poden chegar ao peirao en baixamar nin saír a faenar, a empresa viguesa considera que a única solución pasaría polo dragado da zona o que resolvería a problemática entre dez e quince anos permitindo a entrada e saída dos barcos. Nega que a eliminación do dique vaia modificar a sedimentación dos lodos na zona da Enseada e modifique a situación actual.


Logo de dúas horas de xuntanza, establecéronse como prioridades o dragado da zona e a modificación do dique.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: