www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 11 de Decembro de 2018

A Xunta aprobará en tres meses o PXOM de Soutomaior
Política • 13/02/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato avanzou esta previsión despois de que o concello achegara a documentación e no transcurso dunha visita que na mañá de hoxe facía ao parque infantil do Peirao de Arcade. Un espazo infantil que ven de ser remodelado con novos elementos de xogo como balancíns ou xogos de escalada e un investimento de 60.000 euros.


A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio calcula que no primeiro cuadrimestre deste ano poderá emitir a orde que facilite a aprobación do Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Soutomaior.


Así llo trasladou Mato ao alcalde, Agustín Reguera, durante a visita a actuación realizada no parque infantil do Peirao de Arcade, no marco do Plan hUrbe. Indicoulle que despois da presentación da documentación que constitúe o plan xeral por parte da Administración local, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo supervisará que o contido do mesmo se adapta a Lei do solo para o que dispón dun prazo máximo de tres meses.


A conselleira felicitou aos responsables do Concello de Soutomaior por ter concluído a redacción do plan xeral e recordou que "un concello con plan xeral é un concello con futuro ao contar cunha folla de ruta que indica non só cara onde crecer, senón como facelo dun xeito ordenado, controlado e respectuoso". A conselleira tamén recordou que chegar a este punto é unha mostra máis da necesidade de establecer vías de colaboración entre administracións para sacar adiante proxectos e instrumentos que dean seguridade aos concellos.


Esta colaboración tamén é necesaria para levar adiante obras e actuacións que melloren as infraestruturas e os espazos dos municipios, tal e como se fixo para executar a reformar do parque infantil situado na explanada do peirao de Arcade nuns traballos, nos que a Xunta investiu preto de 60.000 euros, e que consistiron na demolición e escavación para a nivelación do terreo e a construción dunha soleira de formigón armada para as instalación dos equipamentos.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: