www.radioredondela.com Hoxe é Venres, 19 de Outubro de 2018

O Concello convida aos propietarios de pisos baleiros a incluílos no programa de aluguer social
Política • 10/02/2017
Autor: M. X. Queimaliños

No caso de posuír unha vivenda e querer acceder a este programa que pon en marcha o Concello en colaboración coa Consellería, os interesados deben inscribirse no departamento de urbanismo. O propietarios contarán de xeito gratuíto cun seguro de fogar que cubrirá calquera dano que se produza na vivenda e terá garantido o cobro das mensualidades, incluso no caso de que se produzan impagos por parte do inquilinos. Por outra banda, os interesados en acceder a algunha destas vivendas deben inscribirse en Servizos Sociais, departamento encargado de baremar e comprobar que os demandantes cumpren os requisitos esixidos.


O plan está xa en marcha coa apertura do prazo para a incorporación tanto das vivendas por parte dos propietarios no Departamento de Urbanismo como para as persoas demandantes que deberán inscribirse en Servizos Sociais.


O obxectivo é facilitar a aquelas familias que conten cuns ingresos mínimos o acceso a unha vivenda que en ningún caso poderá superar os 300 euros, que é a mensualidade establecida para pisos de 90 metros cadrados que conten con garaxe e rocho.


Unha cantidade inferior ao mercado pero que pode espertar o interese dos propietarios porque a convenio asinado entre Xunta e Concello establece que as vivendas que se incorporen ao programa contarán cun seguro multirrisco do fogar, polo que quedarán cubertos todos aqueles danos sufridos pola vivenda durante a vixencia do arrendamento e un seguro da garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas polos arrendatarios.


As vivendas incorporadas ao programa serán adxudicadas aos demandantes que cumpran os requisitos establecidos no convenio e que serán baremados no departamento de Servizos Sociais, ao que deben dirixirse os interesados.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: