www.radioredondela.com Hoxe é Luns, 22 de Outubro de 2018

O perigo de ser peón en Vilar
Sociedade • 10/02/2017
Autor: Ana Prieto

A estrada N-555 rexistra un elevado volume de tráfico entre Redondela e Peinador, e na maior parte do seu percorrido carece de beirarrúas e pasos de peóns. Unha combinación que fai desta estrada un verdadeiro perigo para a seguridade dos veciños. Levan anos reclamando melloras para evitar o perigo co que conviven a diario nos seus desprazamentos a pé, pero aínda no obtiveron resposta.


Moitos veciños de idade avanzada, como Concepción, evitar desprazarse a pé pola zona, malia que ás veces "non queda máis remedio", o que supón "un verdadeiro perigo". Puri, que habitualmente circula en coche por esta estrada, recoñece que a N-555 é "un perigo" que afecta a moitos veciño. No cruce da estrada nacional con Porto Cabeiro está a parada de autobús escolar. Nese tramo hai beirarrúa, pero non un paso de peóns, o que sería moi necesario "porque hai moito tráfico que pasa sen respectar o límite de velocidade" e resulta "moi perigoso cruzar cos nenos". Fernando, que rexenta un local de hostalaría na zona, entende é algo "prioritario", ao igual que noutos tramos da estrada en dirección a Redondela. No caso de Patricia, que ten unha filla estudando no CEIP Porto Cabeiro, o perigo que supón a N-555 condiciona o seu día a día. Á pequena gustaríalle ir a pé ao centro, pero a falta de seguridade da estrada impídello "porque é moi perigoso". Os colectivos veciñais xa trasladaron as súas demandas ao Concello en reiteradas ocasións para que demande as melloras ante o Ministerio de Fomento, e mesmo fixeron protestas e mobilizacións, pero ata o de agora non tiveron resposta, como lamenta Manuel. A principal reivindicación da Asociación de Veciños de Vilar céntrase nun tramo duns 200 metros entre o cruzamento de Porto Cabeiro e a intersección para os Valos, en paralelo á pista do aeroporto. Nesa zona habería espazo para construír beirarrúas, polo que os veciños piden "vontade política" para facelo.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: