www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 22 de Setembro de 2018

Chapela sairá á rúa o venres 17 para reclamar a construción do novo colexio e outras melloras
Sociedade • 10/02/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A ANPA do Colexio Igrexa, a Asociación de Veciños e a Asociación de Afectados pola ampliación da AP-9 convocan a toda a veciñanza a participar na manifestación que se celebrará o vindeiro día 17 de febreiro as 19:00 horas desde a rotonda de entrada á autoestrada ata o entorno do Colexio Igrexa. A asociación convoca hoxe unha asemblea informativa no Multiúsos do Piñeiral tamén ás sete da tarde para solicitar o apoio da parroquia.


Explican os convocantes da mobilización que xa "estamos fartos de esperar" e de escoitar promesas que "sempre se demoran, aprazan e nunca se cumpren". Ante esta situación volverán sair a rúa o venres 17 para reclamar, entre outras cuestións, a construción do novo colexio Igrexa, "con continuos atrasos que poñen en risco esta infraestrutura para o próximo curso, e iso a pesar de ter, dende hai máis dun ano o terreo da Finca da Ginaria, o proxecto e o diñeiro para facelo".


A contrución do novo centro educativo é unha das reclamacións máis urxentes ante a próxima apertura do terceiro carril da autoestrada que discorre pegado ao centro educativo. Con todo, as reivindicación van máis aló e pasan tamén por reclamar a colocación de pantallas acústicas, a gratuidade do tramo de AP9 entre Chapela e Rande, a apertura dunha saída da autoestrada nas Torres de Padín e a comunicación dos diferentes barrios a través dun vial entre A Pousadoura e as Catro Pontes, con novos viais entre a zona de servizos (Instituto, Centro de Saúde, Igrexa, Multiúsos, etc) e a Alameda e un novo vial entre a Avda. de Redondela e o Campo de Fútbol, con enlaces para Cidadelle, Parada e Trasmañó.


Os convocantes contan ademais co apoio do claustro do Colexio Igrexa, Colectivos Deportivos e Culturais, Comunidade de Montes e todos os Grupos Políticos presentes no Concello de Redondela.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: