www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 22 de Setembro de 2018

O redondelán Pelu Vidal gaña o Maratón Fotográfico de Vigo
Cultura • 8/02/2017
Autor: M. X. Queimaliños

A obra premiada "Un xogo de imaxinación" xunto coa do resto dos participantes pódese ver dende hoxe e ata o 12 de Marzo na casa da artes de Vigo. Antonio Vidal obtivo o primeiro premio dotado con 1000 euros cunha composición de catro imaxes que respondías aos epígrafes establecidos pola organización. O segundo premio recaeu en Fran Pereira e o terceiro en Adrián Freiría. Manuela Mateo-Morales e Thebaud Dupuy, obtiveron os accésit.


A proposta presentada por Pelu Vidal foi a gañadora do XXI Maratón Fotográfico de Vigo no que participaron un total de 90 fotógrafos, tanto profesionais como afeccionados, que tiveron que responder en 24 horas a catro propostas da organización. Ao tema "Resplandor". O fotógrafo redondelán respondeu cunha icónica imaxe da película protagonizada por Jack Nicholson; para responder ao tema "Construíndo" colocou a súa modelo elaborando un puzzle; para ilustrar o tema "oco" fotografía o espazo creado no corpo pola clavícula e finalmente, a imaxe dunha muller difuminada e fumando xunto a unha fiestra representa o último dos temas propostas "Clandestino".


Un premio que Pelu Vidal recibe con satisfacción "porque sempre se agradece que recoñezan o teu traballo" e con palabras para a organización dun certame "moi divertido, que obriga aos participantes a botar man da imaxinación e a demostrar que a fotografía é moi máis que unha cuestión técnica e de composición".


Ademais da limitación temporal, os aspirantes a este premio debían limitar o contexto a Vigo, polo que os interiores presentados por Pelu levantaron protestas entre algúns participantes. O gañador resta importancia a estas críticas "cada un ten a súa opinión sempre e cando sexa dende o respecto".


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: