www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 19 de Xullo de 2018

Fran Teixeira: "Queda moita liga para acadar o obxectivo da promoción de ascenso"
Deporte • 7/02/2017
Autor: Ana Prieto

Despois da derrota na pasada xornada ante o líder, o Xiria, o Rodosa Chapela cae á cuarta posición da táboa, algo máis afastado das dúas prazas que permiten xogar a fase de ascenso. Pero aínda quedan 24 puntos en xogo, e o técnico advirte que poden conseguilo "se non cometen erros".


A ausencia dalgúns xogadores importantes foi clave na derrota do Rodosa Chapela no pavillón do Calvo Xiria. Logo de comezar gañando no marcador con vantaxes de ata tres goles, na segunda metade só aguantaron os primeiros 10 minutos. Logo os líderes do grupo puxéronse por diante e foron ampliando a renda ata o 33-27 final. A derrota complica as aspiracións dos de Teixeira de cara a clasificarse para a fase de ascenso, pero no club insisten en que aínda hai marxe. As dúas primeiras prazas permiten participar no sector, e malia que o liderado está lonxe, a seis puntos, son tan só tres os que os separan da segunda praza, que agora ostenta o Porriño. Iso si, o técnico advirte que o equipo redondelán "non pode cometer máis erros" se queren ter opcións de clasificarse. Logo de xogar a un bo nivel ante o líder, na próxima xornada reciben en Chapela ao Lavadores, actual pechacancelas do grupo. A situación na táboa dos vigueses, lonxe de ser unha vantaxe para Teixeira, é "unha dificultade engadida", xa que o Lavadores vén de reforzarse para evitar o descenso. Daniel e Fabián González, que militaron tamén no Chapela en División de Honra B, son dúas fichaxes "de luxo" para o equipo vigués. Proba diso é que desde a súa chegada o Lavadores sumou dúas vitorias. Un encontro para o que Teixeira confía en contar co apoio da súa afección, como vén sendo habitual nas últimas temporadas. O único que lamenta o técnico é que ata o de agora o público non puidera gozar en Chapela de ningunha das cinco fases de ascenso que levan disputadas nos últimos oito anos. O partido xogarase o sábado, día 11, ás 18.30 horas no pavillón de Chapela.

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: