Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 19 de Agosto de 2018

Reclaman semáforos e maior seguridade vial na N-550 ao seu paso por Cesantes e O Muro
Sociedade • 6/02/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O Concello insta ao Ministerio de Fomento a mellorar a seguridade nesta estrada, unha petición que ven de lonxe e que foi reclamada por veciños e usuarios de cada unha das zonas en múltiples ocasións. Neste caso a moción presentada polo PSOE contou co apoio de todos os grupos, quen salientaron na necesidade de avanzar na adopción de medidas que garantan a seguridade viaria nas estradas de Redondela e concretamente neses tramos da N-550 que ademais de seren empregados polos veciños da zona son moi transitados por peregrinos que os percorren no seu camiño a Santiago.


A petición, presentada polo PSOE, foi apoiada por todos os grupos da corporación quen alertaron da perigosidade na zona do Muro "unha zona moi transitada ao coincidir tamén co camiño portugués e pola cal pasan a diario un 8000 vehículos". Trátase ademais dun lugar no que hai vivendas e naves industriais o que fai que sexa empregada por moitos vehículos e peóns. A moción aprobada inclúe tamén reclamar melloras noutro punto da N-550, nas inmediacións do colexio de Cesantes.


Foi AER quen reclamou que se ampliase a moción inicial dos socialistas incluíndo unha petición para que o Ministerio adopte medidas que melloren a seguridade vial en Cesantes. Critica a Agrupación de Electores que as medidas adoptadas ata o de agora "por limitarse a colocar sinais verticais de advertencia que indican perigo pola presenza de peóns na intersección do Camiño de Santiago coa estrada N-550 á altura do convento de Vilavella e á altura da entrada ao Viso en Cesantes ", medidas que ao seu entender son insuficiente ao non estar acompañadas nin de pasos de peóns nin de grupos semafóricos "polo que ningún vehículo ten a obriga de ceder ao paso aos peóns".


O BNG instou tamén ao goberno a realizar un estudo no que se analice a situación na proia nacional dos accesos ás parroquia de Saxamonde e Quintela.


Dende o PP apoiaron a proposta pero insistiu o edil Arturo González que estas peticións xa lle foron trasladadas a Fomento en varias ocasións polo seu propio grupo "confiemos en que agora si dean unha resposta positiva ás nosas peticións " concluíu.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: