Radio Redondela 94.9FM
www.radioredondela.com Hoxe é Domingo, 19 de Agosto de 2018

Árbores caídas, colectores nas estradas e un regueiro de incidencias polo temporal
Sucesos • 3/02/2017
Autor: M. X. Queimaliños

Complicada madrugada a de hoxe na que os refachos de vento e as fortes precipitacións provocaron ducias de incidencias por toda Redondela, do mesmo xeito que no resto da comunidade. A maior parte por caída de árbores, con estradas cortadas e vivendas incomunicadas, e cortes de luz tanto en vivendas particulares como no alumado público, subministro que se foi recuperando ao longo da mañá na maior parte dos lugares. Axentes da policía local e o único axente do Servizo de Emerxencias (SES) foron os encargados de atender as chamadas ante o colapso do 112.


Unha das incidencias máis visible foi a que afectou á estrada N-550 entre Redondela e Pontevedra. A caída dunha árbore de grandes dimensións nun tramo da estrada á altura de Soutoxuste interrompía o tráfico ao redor das seis da mañá. A situación quedou normalizada unha hora despois, logo de que o axente do SES procedese a cortas a árbore mentres a policía local regulaba o paso de vehículos que tiveron que facer uso da beiravía.


Os efectos do vento foron patentes en todas as parroquias con caídas de árbores en Reboreda, San Martiño, no Camiño Gaio nas inmediacións do Centro de diminuídos psíquicos de Chapela ou en Quintela, lugar no que unha casa quedou incomunicada pola caída de dúas árbores.


Malia os innumerables avisos recibidos ao longo da madrugada, non hai que lamentar problemas maiores, ademais das incomodidades dos cortes no subministro eléctrico tanto no alumado público como nas vivendas así como colectores que foron desprazados ata invadir estradas e camiños co conseguintes problemas para a seguridade vial.


Incidencias todas elas produto dun temporal que azoutou toda Galicia con inusitada forza, deixando tamén interrompida a circulación de trens entre Pontevedra e Ourense e levou á Consellería de Educación a suspender as actividades escolares no exterior durante toda a xornada de hoxe, mantendo iso si a normalidade no interior dos colexios.


Durante a xornada de hoxe o paso de varias frontes mantén a alerta vermella no mar así como a laranxa en terra. Ao longo desta noite as estacións meteorolóxicas da bisbara rexistrando refachos que superaron os 100km/horas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: