www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 25 de Setembro de 2018

Carlos Rey: "Estou feliz coa evolución do equipo"
Deporte • 31/01/2017
Autor: Ana Prieto

O adestrador da SAR Plastic Omnium amósase "máis que satisfeito" co rendemento do equipo, que a pasada xornada acababa unha importante vitoria ante o Saeplast Cañiza. Malia a xuventude do plantel, a SAR está a xogar a un gran nivel, mesmo por enriba das espectativas do técnico.


Rey recoñece estar "maravillado" polo crecemento experimentado polos xogadores, moitos deles de entre 16 e 19 anos. Desde o inicio de liga "gañaron moito en madurez" e están a demostralo cada semana na pista. E foron quen de estar a un alto nivel ante equipos de gran calidade, como o Porriño, onde malia perder fixeron "un gran partido" e o equipo "tivo opcións de puntuar", sinala o adestrador. O último resultado ante o Saeplast Cañiza, cunha vitoria de 28-21, serve á SAR para ampliar distancias cos postos de descenso, pero Rey advirte que "non hai lugar para a relaxación". Sinala que o equipo debe estar "ao cen por cen" para asegurar a salvación canto antes, e chegar á recta final da liga "sen presión". A próxima cita será este sábado en Vigo. Mediranse ao Granitos Carballal, actual pechacancelas do grupo. Pero a mala situación que atravesan os de Cabral non é suficiente para que Carlos Rey se amose confiado ante a cita. Sinala o técnico que malia que se trata dun partido "asequible" para os redondeláns, non será doado. Advirte que a situación na táboa do Carballal non reflicte a calidade do equipo vigués, que ademais vén de reforzarse con varios xogadores para evitar o descenso. O técnico anima aos afeccionados redondeláns a desprazarse o sábado a Cabral para arroupar ao equipo, que xoga no pavillón do Carballal, xa que sería un apoio "importantísimo" para o equipo. O partido comeza ás 20.30 horas.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: