www.radioredondela.com Hoxe é Martes, 23 de Outubro de 2018

O líder acaba coa racha do Choco
Deporte • 30/01/2017
Autor: Ana Prieto

Os de Marcos Montes non puideron co Rápido de Bouzas, que presentou o partido co seu estilo de xogo directo e unha férrea defensa. Na Segunda Autonómica gañaron o filial do Choco e o Arcade, e tamén sumaron vitorias na Terceira Autonómica At. Vilar e Chapela.


Terceira División


Choco 1-2 Rápido de Bouzas


O Rápido de Bouzas xogou o seu papel de líder en Santa Mariña. Saltou ao céspede cunha defensa ben colocada e o seu xogo directo conseguiu impoñerse cun axustado marcador grazas aos goles de Pablo Carnero. O Choco tivo poucas opcións para chegar con perigo á meta de Diego García. Silva tivo opcións de empatar co 0-1 no marcador, pero o lanzamento tocou nun defensa e bateu no pau. Logo chegaría o segundo gol do conxunto vigués. Marcos Montes introduciu cambios para buscar ocos na férrea defensa dos de Bouzas. Aos nove minutos da segunda parte Alberto Suárez deixaba o seu sitio a Oki e quedaba Caloi como mediocentro defensivo. Pero o Rápido seguía co seu muro. O Choco recortou distancias cando Vieytes foi a despexar o esférico, pero rematou cara a súa portería para sorprender a Diego García. O empate estaba máis preto, nunha xogada na que ademais se lesionaba o capitán do Rápido, Portas. Os de Montes seguiron tentándoo, e tiñan a posesión, pero os locais non chegaron con perigo á portería visitante. O marcador xa non se movería. O Rápido mantén o liderado cunha ampla marxe sobre o Deportivo B. E o Choco volve estar ao borde do descenso cos mesmos puntos que o Castro, que se despediría da categoría. Ribadumia, Alondras e Céltiga están a menos de tres puntos nunha apertada parte baixa da táboa. O domingo o Choco repite como anfitrión para recibir ao Vilalbés, outro dos equipos fortes do grupo, actualmente terceiro do grupo.


Choco: Cortegoso, Yago Vázquez, Javi González (Gonzalo, min. 82), Lucas, Gándara, Alberto Suárez (Oki, min. 56), Gabi Misa, Caloi, Comis, Félix (Óscar Pérez, min. 72), Silva.


Rápido de Bouzas: Diego García, Jesús Varela, Portas (Rocha, min. 62), Vieytes, Cotilla, Yago Pérez, Nico (Rulo, min. 70), Diz, Carlos Pereira (Tomás, min. 77), Nando, Pablo Carnero.


Goles: 0-1, min. 12: Pablo Carnero; 0-2, min. 31: Pablo Carnero; 1-2, min. 60: Vieytes, en propia porta.


Segunda Autonómica



Choco B 3-1 At. Matamá


O filial continúa segundo logo de superar sen demasiados problemas ao At. Matamá, que segue afundido no pozo da táboa. Na próxima xornada xogan no campo do Vilariño, outro dos equipos que aspiran a estar no máis alto da clasificación. Actualmente é terceiro, tres puntos por baixo dos redondeláns.



Figueirido 0-1 Arcade


Os de Soutomaior impuxéronse pola mínima no campo do Figueirido, e seguen no ecuador da clasificación. O domingo volven xogar como visitantes, será no campo do Vilaboa, que pelexa por optar aos postos de cabeza.


Terceira Autonómica



Pereiró 1-2 Atl. Vilar


O At. Vilar impúxose na visita ao Monte da Mina logo de superar ao Pereiró. Os tres puntos permítenlle afastarse da parte baixa da táboa e preparar con máis optimismo o encontro do domingo, cando reciben ao Teis, cos vigueses na terceira praza.


Chapela 3-0 Lavadores


O Chapela comparte liderado co Vincios logo de superar ao Lavadores. Rafa, Posada e Salgueiro fixeron os goles do conxunto redondelán. O Chapela mesmo tivo dous lanzamentos ao pau que puideron aumentar a renda. A próxima fin de semana xogan no campo do Gondomar, situado no ecuador da táboa.


Teis 2-1 Peña Beretes


O Peña Beretes segue como pechacancelas logo da derrota no derbi comarcal ante o Teis. Na próxima xornada reciben ao Moledo.


Cesantes - Presqueiras: aprazado


próxima xornada Caroi-Cesantes

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: