www.radioredondela.com Hoxe é Sábado, 26 de Maio de 2018

Bas garante a construción do novo colexio Igrexa e convoca a comisión de seguimento da AP-9
Política • 27/01/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O alcalde de Redondela, Javier Bas nega as críticas dos grupos da oposición que o acusan de ocultar información e de falta de transparencia nas negociacións con Audasa e Fomento. Asegura que os atrasos no inicio das obras do novo colexio Igrexa responden a "problemas urbanísticos na Finca da GInaria que están en vías de resolución" e convoca a comisión de seguimento das obras para o vindeiro 17 de febreiro. Unha convocatoria que chega logo de que AER lle recriminase que este órgano leve "oito meses sen reunirse".


O alcalde de Redondela comparecía onte ante o pleno para dar conta da situación na que se atopan as obras de ampliación da AP-9. Unha comparecencia solicitada pola Agrupación de Electores quen lle recriminan "a falta de transparencia do goberno local con respecto das reunións unilaterais que mantén con representantes de Fomento e Audasa" así como que non se estea a convocar a comisión de seguimento das obras "dende hai oito meses".


Bas asegurou que o seu goberno está a ser un modelo de transparencia "nunca se informou tanto á cidadanía como está a facer o meu grupo", salientou a labor do edil de Interior, Arturo González, "quen se reúne cos afectados sempre que así llo solicitan e acude a todas as chamadas" e anunciou a convocatoria da comisión de seguimento para o vindeiro 17 de febreiro alegando que non se convocara antes porque estaba pendende de que puideran acudir representantes de Fomento.


Na súa intervención Bas garantiu a construción do novo colexio aínda que sen dar prazos. Un atraso no inicio das obras que preocupa aos colectivos da parroquia e a Anpa do centro e que o alcalde xustificou por un "importante problema urbanístico na Finca da Ginaria" e que están pendentes de resolución por parte da Xunta. De feito, confía en que a coñecida como "Lei Citroën" permita desatascar este proxecto a curto prazo aínda que sen adiantar datas concretas.


Asegurou que dende a alcaldía "estase a  traballar noutras melloras como a subida a Mouriño, a zona da Igrexa e outros accesos" pero que "en toda negociación hai que saber ata onde chegar".


 


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: