www.radioredondela.com Hoxe é Xoves, 24 de Maio de 2018

O plan de vivendas sociais de Redondela fixa 300 euros de aluguer máximo
Sociedade • 24/01/2017
Autor: M. X. Queimaliños

O programa de vivendas baleiras, asinado entre a Consellería de Vivenda e o Concello de Redondela comezará a funcionar en febreiro e permitirá destinar vivendas baleiras ao alugueiro social por parte de familias desfavorecidas. Os posibles interesados a acceder a estes alugueiros deberán inscribirse nas oficinas de servizos sociais de Chapela e Redondela, lugar no que se comprobará que os demandantes cumpran os requisitos establecidos nas bases. Abrirase ademais un prazo para que os propietarios interesados se incorporen ao plan.


As vivendas que se incorporen a este programa terán aseguradas, por parte do IGVS e sen custe para os propietarios, un seguro multirrisco do fogar, polo que quedarán cubertos todos aqueles danos sufridos pola vivenda durante a vixencia do arrendamento e un seguro da garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas polos arrendatarios. A vivenda deberá pasar unha inspección técnica para comprobar a súa habitabilidade e estar dada de alta nos subministros de auga, lixo, gas ou electricidade e o propietrio deberá poñela a disposición do concello durante 3 anos.


As vivendas incorporadas ao programa serán adxudicadas aos demandantes que cumpran os requisitos establecidos no convenio: atoparse nunha situación persoal ou familiar que supoña unha dificultade para acceder a unha vivenda no mesmo municipio e acreditar a percepción duns ingresos mínimos que lles permitan facer fronte ás obrigas económicas que deriven do contrato de arrendamento. Terán preferencia na adxudicación das vivendas unidades familiares afectadas por procedementos de execución hipotecaria ou por desafiuzamento por impago de rendas, así como familias con fillos menores, numerosas e familias monoparentais con fillos a cargo. Terán preferencia tamén as vítimas da violencia de xénero, unidades familiares nas que existan persoas maiores de 65 anos ou persoas dependentes e  nas que existan persoas que foran beneficiarias de axudas ao aluguer de programas xestionados polo IGVS e que, unha vez vencido o período máximo de percepción das mesmas, permanezan nunha situación de desprotección ou especial vulnerabilidade.


 

Comentarios

ENVÍA A TÚA OPINIÓN
 
Nome e Apelidos   Correo Electrónico (opcional)
 
Comentario:

Imaxe de Verificación:
Escriba o Código: